publicidade hoxe

Feijóo avanza a convocatoria do Bono Concilia destinado ás familias que non obtiveron praza pública en escolas infantís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a nova convocatoria do Bono Concilia, destinado a financiar prazas de 0 a 3 anos en escolas infantís. Segundo explicou Feijóo, o crédito co que contará poderá incrementarse na medida en que sexa preciso, co fin de atender a todas as solicitudes e que haxa lista de espera cero para as escolas infantís.

Durante a rolda de prensa do Consello, o titular da Xunta recordou que o bono aboarase directamente e de xeito mensual ás familias e será compatible con outras axudas destinadas tamén a pagar a escola infantil, sempre que non supere o custo da praza.

Neste senso, indicou que poderán optar ao bono as familias que tivesen un fillo ou filla despois do 31 de decembro de 2015 e terán prioridade aqueles nenos e nenas que xa recibiran o Bono Concilia o ano pasado, ademais daqueles que xa teñan un irmán ou irmá escolarizado na mesma escola infantil que solicitan. Tamén poderán optar ao bono aquelas familias que obtivesen unha praza pública, pero nas que os dous pais traballan pola tarde ou en quendas rotativas e a praza non lles chega para cubrir o seu horario.

Trátase dun bono para axudar ás familias que non obteñan praza noutras modalidades de escola infantil ou que vivan nun concello onde non existan escolas infantís sostidas con fondos públicos. Así, a través desta axuda, facilítase ás familias entre 45 e 250 euros mensuais para pagar a escola infantil.

Cómpre recordar que o ano pasado recibiron o Bono Concilia 3.650 familias, máis do triplo das persoas que obtiveran anualmente esta axuda entre 2009 e 2016.

Co obxectivo de seguir aumentando a ratio de cobertura, que ao longo destes anos pasou do 22% (en 2009) ao 41% no vindeiro curso, Feijóo precisou que o próximo curso Galicia contará con máis de 24.000 prazas de escola infantil sostidas con fondos públicos, 1.600 máis que neste curso.

14 de xuño de 2018 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.