publicidade hoxe

Francisco Conde salienta que a misión comercial a México deixa “boas perspectivas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exterior
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a última misión comercial a México, que encabezou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañando a medio cento de empresas, deixa boas perspectivas para que a industria galega poida seguir ampliando mercado nese país.

Conde destacou que México é xa un terreo coñecido para o conxunto de empresas galegas porque en 2017 foi o maior comprador de produtos galegos en toda Latinoamérica. De feito, precisou que o 34% das exportacións desde Galicia a esta área xeográfica teñen como destino o mercado mexicano.

Apuntou, ademais, que nos dous últimos anos as exportacións galegas a México creceron un 72% e, cando no ano 2000 eran 166 as empresas galegas que vendían alí os seus produtos, en 2017 foron 541 as que exportaron a ese país, das que 175, o 32,3%, o fan xa de forma regular.

Nesta liña, destacou que o Goberno galego sempre vai acompañar as empresas que queiran saír ao exterior e precisan de apoio, porque para impulsar o crecemento económico, asegurou, é tan importante establecer un marco de estabilidade e confianza como coidar as relacións institucionais. Supón un complemento á propia actividade exportadora das empresas e é un plus ao esforzo diario do tecido empresarial galego, abondou.

O conselleiro indicou que a Xunta actúa desde o ámbito institucional para favorecer que se poidan abrir novas oportunidades de investimento en sectores estratéxicos. Por iso, engadiu, a axenda institucional da viaxe estivo centrada en identificar novas vías de colaboración con México.

Segundo explicou, nesta misión comercial, o presidente da Xunta tivo ocasión de agradecer ao presidente mexicano, Enrique Peña Nieto, a confianza depositada en Galicia ao longo dos seus seis anos de mandato. E reuniuse co secretario de Economía do Goberno mexicano -que confirmou a colaboración de ProMéxico no Galicia Investor’s Day que se celebrará en outubro- e con dous gobernadores dos Estados máis industrializados do país, o Estado de México e o de Oaxaca.

Foi unha misión comercial na que a Xunta quixo redobrar o traballo que fixeron alí as empresas galegas con contactos institucionais ao máis alto nivel para deixar constancia do dobre valor que ten a economía galega: o valor que lle achegan os empresarios e emprendedores e o que lle achega un goberno que aposta por tender pontes para atraer novos investimentos, aseverou.

Ademais de conmemorar o Día de Galicia en México e visitar os principais campus universitarios de Oaxaca, a delegación galega participou no Encontro Gastronómico con Galicia, un escaparate onde as empresas do sector puideron amosar ante máis de 300 profesionais a calidade dos produtos gastronómicos galegos. Na misión comercial organizada pola Xunta, a través do Igape, e a Cámara de Comercio da Coruña, dentro do Plan Foexga, tamén participaron outras 22 compañías de diferentes sectores –como a confección infantil, consultorías TIC, enxeñarías, automoción, maquinaria industrial, naval e do sector da alimentación– que puideron concertar un centenar de reunións para abrir novas vías de negocio entre Galicia e México.

Conde concluíu asegurando que non podemos falar de crecemento económico se non falamos de innovación e de internacionalización. E na internacionalización da economía galega hai un actor protagonista que é o tecido empresarial e o conxunto de empresarios que asumen a necesidade de conquistar novos mercados como unha convicción. Pero hai tamén outro actor que non pode ocupar un papel secundario, senón ser un mediador, un activo: e ese é o Goberno galego, apostilou.

9 de maio de 2018 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.