publicidade hoxe

A Consellería de Educación inicia as negociacións cos sindicatos para situar o salario dos docentes na parte alta da táboa das comunidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de iniciar as negociacións coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial Docente non Universitaria (CIG, CCOO, ANPE e FeSP-UGT) co obxectivo de mellorar as retribucións dos docentes galegos e situalos na parte alta da táboa salarial das comunidades autónomas.

Tal e como manifestou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, “o interese da Consellería foi abrir a negociación seguindo o espírito dos acordos do 2003 e do 2006, que colocaron a Galicia dentro dos postos máis altos” na comparativa das retribucións entre as diferentes comunidades.

O obxectivo principal desta primeira Mesa Sectorial era coñecer as propostas dos diferentes sindicatos para, a partir de aí, avanzar no diálogo. A maiores, tamén se aproveitou a xuntanza para achegar posturas sobre determinadas cuestións que debería recoller ese futuro acordo de homologación salarial. Como por exemplo, que esa posible subida retributiva sexa lineal e afecte así por igual a todos os corpos, tanto a mestres, profesorado técnico de FP, de educación secundaria como catedráticos.

Cómpre resaltar que Galicia é a primeira comunidade en asumir este reto para mellorar, de xeito xeral, o salario do seu profesorado. Unha oportunidade que é posible nestes momentos grazas ao actual escenario económico, e que se enmarca nunha prioridade estratéxica para a Consellería como é incrementar o prestixio da función docente.

16 de maio de 2018 | 15:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.