publicidade hoxe

Ángeles Vázquez: “O principal problema do monte é a actividade incendiaria e por iso a Xunta actúa para facerlle fronte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Comparecencia de Ángeles Vázquez

Comparecencia de Ángeles Vázquez

“O problema principal ao que se enfronta o monte en Galicia ten que ver coa actividade incendiaria”. Así o destacou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa comparecencia perante a comisión parlamentaria de estudo do ámbito forestal. Por iso, sinalou, “dende a Xunta vimos desenvolvendo distintas políticas para poñer en valor o monte e contribuír a previr os danos causados polos incendiarios”. Entre estas medidas salientou a colaboración cos concellos para facilitarlles o cumprimento das súas competencias, cunha achega anual de 11 millóns de euros.

Neste sentido, a conselleira sinalou que máis do 87% dos municipios subscribiron xa este tipo de convenios, ben para rozas, ben para dispoñer de motobombas, para a contratación de brigadas ou para a identificación de predios de propietarios descoñecidos a través dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Isto supón case un 10% máis que o ano pasado e –subliñou– os que non dispoñen aínda de convenio é porque o rexeitaron ou non o pediron.

Outras medidas destacadas por Ángeles Vázquez foron o financiamento da compra de tractores por parte dos municipios, cunha dotación de 3,1 millóns de euros en 2017 e con idéntico orzamento neste ano, segundo anunciou a conselleira. Así mesmo, a creación da rede de vixilancia dos espazos forestais, coa instalación dun mínimo de 34 cámaras distribuídas entre os diferentes distritos. En parecidos termos, a titular de Medio Rural falou das concentracións parcelarias como ferramenta para poñer en valor o monte e lembrou que das 128 reestruturacións que se pretende pechar administrativamente antes do remate da lexislatura, máis do 67% son de tipo forestal, co obxectivo de contar no 2020 cunhas 109.000 hectáreas de natureza forestal concentradas.

Vaga de lumes

Con respecto ao problema dos incendios, a conselleira afirmou que comparte, en liñas xerais, o criterio do sector da madeira, en relación coa vaga de lumes. Así, advertiu que “non ten sentido demonizar ningunha especie como máxima culpable” destes sinistros e que hai unha coincidencia xeral en que “hai incendios porque hai incendiarios” e que “nunca podemos falar de neglixencia aos referirnos a persoas que en período de alto risco utilizan o lume”. Por iso avogou tamén por reforzar o traballo de investigación policial e xudicial para frear a actividade incendiaria.

En todo caso, Ángeles Vázquez reiterou que a Xunta traballou antes, durante e despois da última vaga de lumes de outubro pasado. Antes, con cambios normativos orientados a simplificar e facilitar unha regulación que consiga un maior e mellor aproveitamento do monte e intensifique a loita contra o lume. Nesta liña van, por exemplo, modificacións para favorecer a posta en valor de terreos abandonados, para fomentar a adecuada xestión da biomasa e para controlar as plantacións, especialmente de especies pirofíticas, arredor das vivendas e instalacións.

Neste eido, advertiu que “antes do 31 de maio próximo a Xunta actuará de oficio para manter limpos 500 quilómetros de vías e 290 hectáreas de plantacións ilegais levantadas”. E despois da vaga de lumes, dixo a conselleira, o Goberno galego actuou de xeito inmediato habilitando axudas para os afectados e con medidas técnicas nas áreas queimadas e reunións de coordinación coas administracións implicadas e colectivos de damnificados.

Tamén sobre a posta en valor do monte, Ángeles Vázquez advertiu que “sempre hai marxe para avanzar” e por iso “traballamos en eidos como a mellora da estrutura da propiedade, a loita contra o abandono, a ordenación do monte ou o impulso á súa multifuncionalidade”, potenciando o aproveitamento de recursos coma os pastos, cogomelos, castañas e froitos, entre outros.

A conselleira referiuse, ademais, á importancia da ordenación dos montes, para o que haberá axudas, este ano, de catro millóns de euros e a outros aspectos como a simplificación das cortas de madeira, a xestión agrupada do monte, coa potenciación da figura das sociedades de fomento forestal (Sofor) ou a loita contra o abandono do monte. Neste sentido, puxo en valor iniciativas como a mobilización de terreos rústicos abandonados, a incorporación ao Banco de Terras dos montes veciñais abandonados ou o impulso a proxectos singulares de mobilización de terreos abandonados en diferentes zonas da comunidade. Salientou, así mesmo, o esforzo en materia de sanidade forestal, cuadriplicando o orzamento neste eido ata superar os catro millóns de euros neste ano.

Plan Forestal

Ángeles Vázquez incidiu na importancia do Plan Forestal de Galicia, actualmente en revisión, insistiu na disposición da Xunta a procurar o máximo consenso posible para aprobar este documento, que marcará a “folla de ruta” do futuro do monte galego e pediu a “complicidade” de todos os grupos parlamentarios nesta tarefa. Nesta liña, relatou que xa se recibiron, no marco do Consello Forestal, achegas de diferentes colectivos, tales como os ecoloxistas, as comunidades de montes, asociacións profesionais agrarias e entidades representativas do sector forestal e amosou a súa disposición a incorporar, tamén, as achegas desta comisión parlamentaria, porque, dixo, este é un documento vivo.

Relatou os principais obxectivos do plan, que pasan por proxectar un modelo de monte que garanta a súa sustentabilidade e que sirva de referencia no futuro para organizar adecuadamente a distribución do espazo forestal, así como por mellorar a contribución do monte á conservación da natureza, a biodiversidade e o patrimonio natural galego. Tamén, dixo, trátase de procurar a adecuada saúde, vitalidade, protección, seguridade e defensa do monte ante riscos naturais e ambientais provocados por procesos erosivos e hidrolóxicos, incendios, enfermidades e pragas forestais.

Todo isto procurarase incrementando a eficiencia da produción forestal e promocionando unha cultura asociativa que facilite a mobilización de terras e recursos inmobilizados. E tamén, engadiu a titular de Medio Rural, deseñarase un modelo de gobernanza do monte que conte cos instrumentos necesarios para garantir o exercicio da ordenación e xestión forestal sustentable e promover a mellora do coñecemento favorecendo o acceso público á información forestal, á divulgación e comunicación, á educación, formación e capacitación así como á investigación, innovación, desenvolvemento tecnolóxico e emprendemento forestal. En relación con este último aspecto, a conselleira sinalou que en Galicia “contamos co máis importante centro de investigación forestal de Europa, o de Lourizán, referencia tamén no eido da innovación”.

No eido da divulgación, a conselleira lembrou que só este ano haberá un total de 324 charlas e actividades dirixidas aos máis pequenos, nas que está previsto que participen uns 17.000 alumnos de centros escolares de toda Galicia. Esta iniciativa dá continuidade ao labor realizado nos últimos anos, incrementándose nun 11,5% o número de xornadas e nun 30% a cifra de alumnos respecto ao 2017.

Por último, a conselleira anunciou a disposición da Xunta de “acatar” as conclusións que saian desta comisión parlamentaria e insistiu na necesidade de que todas as administracións e colectivos sociais colaboren na ofensiva contra os incendiarios, tendo en conta que a intencionalidade dos lumes en Galicia supera amplamente o 80%.

4 de abril de 2018 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.