publicidade hoxe

A Xunta apoia ao sector naval galego na procura de novas vías de negocio en Perú

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Augusto Álvarez-Borras xunto con membros de Aclunaga

Augusto Álvarez-Borras xunto con membros de Aclunaga

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do director da área de Internacionalización do Igape, Augusto Álvarez-Borrás, xunto con membros do Clúster do Naval Galego (Aclunaga), mantivo en Lima un encontro co ministro da Produción peruano, Daniel Córdova, no que trataron temas relativos á modernización tecnolóxica e á renovación da flota pesqueira. A Xunta trasladou o interese do Goberno galego en apoiar tanto aos nosos estaleiros como aos armadores peruanos na procura de solucións axeitadas para renovar e reforzar a competitividade da súa flota.

O ministro, coñecedor das capacidades e o potencial económico de Galicia, manifestou o seu interese polo tecido empresarial galego e, moi especialmente, pola política industrial de clústers de Comunidade, apoiados pola Xunta no seu labor de reforzo do tecido produtivo, como catalizadores da cooperación entre as pemes galegas, e na promoción de proxectos colectivos para a implantación da Industria 4.0, entre outros ámbitos.

Pola súa banda, o director de Internacionalización do Igape sinalou que a Administración galega impulsa aos sectores estratéxicos galegos na procura de aliados e clientes nos mercados internacionais con programas como o Galicia Exporta, que apoia misións empresariais como a desenvolvida en Perú, organizada por Aclunaga co obxectivo de obter contratos para os estaleiros e a industria auxiliar do sector. O programa, desenvolvido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, está dotado na actual convocatoria con 6,5M€.

O pasado ano o sector naval galego incrementou nun 69,8% as vendas no exterior, destacando así na evolución positiva que as exportacións galegas están experimentando nos últimos anos. Galicia superou por segundo ano consecutivo en 2017 os 20.000 millóns de euros exportados ata acadar os 21.676M€, e bateu un ano máis os seus récords históricos.

A representación da Xunta en Perú, que aproveitou a misión comercial para visitar estaleiros e armadoras do país, trasladou unha invitación ao ministro peruano da Produción para visitar Galicia no próximo mes de xuño.

24 de abril de 2018 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.