publicidade hoxe

Almuiña destaca a dotación do Centro Integral de Saúde Taboada Leal, o primeiro destas características en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaVigo
A-
A+
Visita do conselleiro de Sanidade ao centro

Visita do conselleiro de Sanidade ao centro

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou o novo Centro integral de saúde Taboada Leal de Vigo é “unha das instalacións sanitarias máis importantes que temos hoxe en Galicia a nivel ambulatorio”. Así o subliñou o titular de Sanidade na visita que hoxe efectuou ao devandito centro sanitario, indicando que a posta en marcha desta infraestrutura, na que o Sergas investiu 1,2 millóns de euros, culmina a reordenación da área sanitaria de Vigo.

Almuiña indicou que o Centro integral de saúde Taboada Leal asume os servizos propios da atención primaria xunto con outros de atención hospitalaria ambulatoria e unidades especializadas de referencia para a área sanitaria viguesa. Nese senso, e segundo afirmou o conselleiro, o edificio incorpora nos seus 8.000 metros cadrados de superficie dúas Unidades de Saúde Mental, a unidade de Reprodución Humana Asistida, a Fisioterapia (incluíndo a Hidroterapia), un centro de saúde e un Punto de Atención Continuada (PAC) de alta resolución, e o servizo de radioloxía convencional para dar servizo ao propio PAC. Nel traballan preto de cen profesionais.

Esta carteira de servizos, con personalidade propia, é a que confire ao edificio a catalogación de Centro Integral de Saúde, e convérteo nun paso máis da reordenación sanitaria de Vigo, que comezou coa apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro. A distribución dos servizos no edificio fíxose tendo en conta as prestacións de cada un deles para que a súa actividade sexa o máis áxil posible, tanto para os profesionais como para os pacientes.

Según explicou o conselleiro, a posta en marcha deste centro integral de saúde en Vigo ven a reafirmar a aposta decidida que o Sergas fai pola atención primaria, cun reforzo importante TANTO pola presenza do PAC único como do novo centro de saúde. Sobre este particular, Almuiña afirmou que o PAC do Taboada Leal É moi resolutivo, xa que o 92% dos pacientes que acoden ao mesmo “son diagnosticados aquí e volven para o seu domicilio; só o 8% requiren ir ao hospital”.

Tras subliñar que o Taboada Leal é o primeiro Centro integral de saúde que hai en Galicia e que o Sergas está “traballando xa no Centro integral de Lugo e iniciando os trámites do de Lalín”, Almuiña destacou o acerto de que esta infraestrutura pública do Sergas leve o nome do ilustre médico Nicolás Taboada Leal.

O centro integral de saúde, situado no edificio anexo ao antigo hospital na rúa Pizarro e coñecido popularmente como Anexo II, recibe o nome de Taboada Leal en homenaxe ao médico Nicolás Taboada Leal, que exerceu en Vigo durante a maior parte da súa vida profesional. Foi o responsable da atención sanitaria durante a epidemia de cólera que afectou á cidade viguesa no ano 1833 e dedicou boa parte da súa actividade ao control desta enfermidade. Nicolás Taboada Leal tamén foi o promotor da construción do lazareto da Illa de San Simón e autor de varias publicacións sobre a calidade das augas dos mananciais galegos. O Concello de Vigo nomeouno cronista oficial da cidade.

13 de marzo de 2018 | 14:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.