publicidade hoxe

Xunta e ONCE amosan o día a día das persoas con déficit visual como vía para acadar a igualdade e a non discriminación

José Manuel Rey Varela na inaguración da mostra. Foto: X. Crespo

José Manuel Rey Varela na inaguración da mostra. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurou hoxe a exposición que a ONCE realiza no marco de CapacitARTE, unha mostra a prol dunha Galicia inclusiva e igualitaria, unha iniciativa promovida por CERMI Galicia e grazas á cal, ao longo deste ano, irán pasando polo edificio de San Caetano cada unha das entidades que agrupan e defenden ás persoas con discapacidade física e intelectual. “O obxectivo é que os logros que acadan cada día non queden relegados a un segundo plano, senón que se perciban con toda a importancia que teñen”, afirmou o titular autonómico.

A exposición, composta por preto dunha vintena de imaxes, amosa o día a día das persoas que forman parte da ONCE, desde usuarios ata voluntarios. Deste xeito, aqueles que visiten a exposición poderán ver as actividades que se realizan desde a entidade.

Rey Varela lembrou que acadar a igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal segue a ser unha das prioridades a nivel social do Goberno galego. Froito deste compromiso, en 2018 incrementáronse nun 8%,os orzamentos destinados ás persoas con discapacidade, ata situarse nun total de preto de 103 millóns de euros. Así mesmo, cómpre destacar que a partida destinada aos convenios coas federacións que traballan neste ámbito se incrementaron este ano nun 5% con respecto a 2017, superando os 4 millóns de euros.

A Consellería de Política Social avoga por seguir estreitando a colaboración coas entidades e sumando esforzos para multiplicar os resultados e o conselleiro finalizou a súa intervención agradecendo á ONCE o seu labor, así como o do CERMI e o do resto das entidades que o conforman, non só por poñer en marcha este ciclo de exposicións, senón polo seu traballo de sensibilización coa sociedade para que esta siga avanzando no recoñecemento da valía das persoas con discapacidade.

5 de febreiro de 2018 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.