publicidade hoxe

Salvamento Marítimo recoñece a traxectoria do Centro Tecnolóxico do Mar na loita contra a contaminación no medio mariño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+
Entrega do premio

Entrega do premio

Salvamento Marítimo recoñece o labor do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR na promoción e coordinación de redes e proxectos de colaboración a nivel estatal e europeo, orientados á prevención e loita contra a contaminación do medio mariño e cun importante compoñente de divulgación e transferencia de coñecemento.

A directora xerente do CETMAR, Paloma Rueda, recolleu hoxe o áccesit outorgado ao centro nun acto celebrado no centro nacional de coordinación da institución en Madrid, presidido polo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna.

Ademais de agradecer o galardón dos Premios de Salvamento Marítimo 2017, Paloma Rueda salientou a colaboración das administracións, institucións, entidades e centros de investigación que traballaron xunto á Fundación CETMAR nos proxectos premiados.

É o caso da Plataforma Tecnolóxica para a Protección da Costa e do Medio Mariño PROTECMA, financiada polo Ministerio de Economía; da familia de proxectos ARCOPOL (ARCOPOL, ARCOPOLplus e ARCOPOLplatform), financiados polo programa Interreg Espacio Atlántico, e que deron lugar á Plataforma Tecnolóxica Atlántica ARCOPOL (con máis de 200 membros fundamentalmente de países europeos). Tamén o proxecto MARINER, financiado pola Comisión Europea a través da DG ECHO (European Civil Protection and Humanitarian aid Operations).

Nos proxectos ARCOPOL e MARINER participaron e participan organizacións de España, Portugal, Irlanda, Reino Unido e Francia, destacando a contribución de Galicia a través do Intecmar, do Servicio de Gardacostas de Galicia e do grupo Divulgare da Universidade de Vigo, organizacións coas que CETMAR mantén unha longa alianza no ámbito da loita contra a contaminación marítima.

No caso de PROTECMA, o seu obxectivo é desenvolver e implantar una estratexia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación e actúa como foro de encontro e colaboración público-privada. Na actualidade conta con 401 membros entre os que se atopan administracións marítimas e medioambientais, autoridades portuarias, empresas e centros públicos de investigación e tecnoloxía.

As principais actuacións de PROTECMA no que se refire á comunicación, difusión e divulgación son a súa páxina web, que inclúe un mapa de capacidades, o portal de oferta e demanda tecnolóxica e un centro de documentación, así como un boletín informativo semanal coa información máis destacada relativa á protección da costa e do medio mariño que é distribuído a preto de medio milleiro de persoas.

Pola súa banda, a Plataforma Tecnolóxica Atlántica ARCOPOL, xurdida da familia de proxectos ARCOPOL, é unha estrutura de cooperación público privada que integra a máis de 200 organizacións europeas e que traballa no intercambio de coñecementos e na divulgación e transferencia dos resultados dos devanditos proxectos e doutras iniciativas relevantes.

A súa web alberga un centro de documentación que permite acceder dunha maneira simple a máis de 200 recursos organizados por temáticas, entre os que se atopan estudos técnicos, guías e protocolos, ferramentas de apoio á resposta e xestión da información e materiais innovadores de formación e sensibilización.

Finalmente, MARINER ten como obxectivo mellorar a preparación e a reposta ás verteduras de substancias químicas. No marco deste proxecto, CETMAR creou unha base de datos con máis de 400 recursos relevantes no campo da loita contra a contaminación marítima por químicos, materiais que foron producidos tanto por proxectos de investigación ou por organizacións clave neste ámbito. Para facilitar a súa consulta, a base de datos dispón dunha ferramenta web que permite a busca e o acceso aos seus contidos de maneira simple e gratuíta.

Seguindo unha traxectoria fortemente afianzada con estes proxectos, a día de hoxe CETMAR mantén o seu firme compromiso de promover iniciativas de colaboración dirixidas á protección do medio mariño.

Os premios

Os Premios de Salvamento Marítimo, que convoca cada ano este organismo dependente do Ministerio de Fomento, pretenden recoñecer ás persoas, institucións e colectivos que dan valor aos servicios de rescate, busca e salvamento marítimo; de prevención e loita contra a contaminación do medio mariño e de control do tráfico marítimo.

14 de febreiro de 2018 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.