publicidade hoxe

O 112 Galicia rexistrou 65 incidencias relacionadas co temporal e as nevaradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou entre as 20 horas de onte a as 11 horas de hoxe un total de 65 incidencias relacionadas co temporal de neve que está a a afectar á nosa comunidade. Segundo o informe as incidencias máis destacadas son consecuencia da neve e placas de xeo. Por provincias, a que rexistrou máis incidencias foi A Coruña con 35, seguida de Lugo con 17, Pontevedra con 5 e Ourense con 2 incidencias.

Os concellos con máis número de incidencias foron na provincia da Coruña, Coirós, Vimianzo, Curtis, Mesía, As Pontes, As Somozas, San Sadurniño, A Capela, Cerceda, Aranga, Vimianzo, Monfero; na provincia de Lugo, Pol, Friol, Monterroso, Lugo, O Incio, Riotorto, Vilalba, Baralla, Meira; na provincia de Pontevedra, Dozón, Forcarei e A Lama; e na provincia de Ourense, Maceda e Os Blancos.

Rede viaria autonómica

No que se refire ás estradas autonómicas, está pechado ao tráfico pesado a autoestrada AG-64, entre os puntos quilométricos 18 e 39,79, así como a estrada LU-633, nos portos do Cebreiro, de San Roque e do Poio, e na LU-637, no Alto de Viduedo. Cómpre circular con cadeas na estrada LU-530, na Baqueiriza, na Fontaneira ou no Cerredo; na LU-701, no Acebo; na LU-703, en Barbeitos; na LU-730, na Ronda da Fonsagrada.

Recoméndase circular con precaución en estradas como a AC-840, no Alto de Curtis; na AC-101, no Alto do Caxado; na LU-213, no Faro; na LU-546, no Alto do Oural; ou na LU-636, no Alto de Vilaesteva.

Nas últimas horas estiveron traballando 23 equipos quitaneves e o consumo de fundentes foi de 167 toneladas de sal e 88.000 litros de salmoira.

A Xunta mantén activo o Plan de Vialidade Invernal co fin de garantir as condicións de seguridade viaria nos aproximadamente 5.550 km de estradas de titularidade autonómica. Este plan implica a posta a disposición de diferentes medios en cada provincia que suman un total de 26 centros operativos, 27 acopios e 26 silos de fundentes, 12 plantas de salmoira, 73 máquinas e 468 profesionais.

Incidencias en centros escolares

Un total de 5530 alumnos e 86 centros escolares están afectados polo temporal de neve, ben porque os autobuses escolares non puideron acceder ou, nalgunhas liñas chegaron con retraso. En total suspendéronse as clases en 38 centros. A provincia máis afectada foi a de Lugo, con incidencias en 60 centros (27 deles pechados) e 3.782 alumnos. Séguelle a provincia da Coruña con 1582 alumnos e 21 centros afectados, 10 dos cales suspenderon as clases. Pontevedra (con 140 alumnos e 4 centros afectados, pero ningún eles suspendeu clases), e Ourense (tan so pechou as súas portas o Ceip de Beariz, con 16 alumnos) foron as provincias onde se rexistraron menos incidencias.

Alertas vixentes

A Xunta ten activada alerta laranxa por un temporal costeiro que deu comezo esta madrugada no litoral da provincia da Coruña, por mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros. No resto do litoral galego esta activa a alerta amarela.

Tamén están activas a alerta amarela por neve no interior da provincia de Lugo. A cota de neve situarase entre os 400 e os 600 metros, con acumulacións que poden chegar aos 5 centímetros por riba dos 600 e 800 metros. Na montaña e sur da provincia de Ourense así como na montaña de Lugo, está activada tamén alerta amarela por temperaturas mínimas, con valores que poderán caer ata os 6 graos baixo cero.

7 de febreiro de 2018 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.