publicidade hoxe

Medio Rural pechará administrativamente as 128 reestruturacións parcelarias abertas en Galicia antes do 2020

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

No período 2009-2017 a Xunta destinou preto de 92 millóns de euros ás obras e servizos técnicos das reestruturacións parcelarias en toda Galicia. Con este investimento, avanzouse na ordenación do territorio ata quedar en 128 as zonas activas arestora, cun territorio de 112.059 hectáreas. O obxectivo do Goberno galego é pechar administrativamente estes procesos no 2020, isto é, que cheguen á firmeza do Acordo.

Así o explicou no Parlamento a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, en resposta a unha interpelación sobre este tema. Sinalou tamén que neste intre existen 84 zonas (desas 128) que xa están coas Bases Definitivas firmes ou en fase superior, co que o obxectivo de pechalas na lexislatura vaise cumprir con facilidade. En relación coas restantes 44 zonas, a conselleira indicou que na maioría dos casos (en 33 delas) xa están contratados ou en proceso o Acordo e o replanteo das novas fincas e executadas ou en execución as obras da rede de camiños.

Das outras reestruturacións pendentes, en seis casos estase estudando se se adaptan aos obxectivos previstos na normativa. Os cinco restantes están condicionados polos informes sectoriais para poder desenvolvelos, pero trabállase para poder dar a toma de posesión das novas fincas e rematalas no ano seguinte.

A conselleira avanzou que, para este ano 2018, o orzamento previsto para actuacións de reorganización do territorio ascende a 20 millóns de euros, que se destinarán a actuar nos devanditos procesos abertos. Ademais, engadiu, vanse abrir outras 51 novas zonas de reestruturación parcelaria (13 na provincia da Coruña, 24 na de Lugo, 8 en Ourense e 6 na de Pontevedra). Por outra banda, Ángeles Vázquez salientou que con estas actuacións tamén se mira o ámbito forestal e, así, a Xunta márcase como obxectivo chegar a máis de 109.000 hectáreas de monte ordenado antes de que remate a lexislatura. Precisamente –dixo a conselleira– dos 128 procesos que está previsto pechar máis do 67% son de natureza forestal.

Despegue do agro

A titular de Medio Rural defendeu que todos estes procesos son fundamentais para o despegue socio-económico do agro galego, posto que permiten o redimensionamento das explotacións facéndoas máis rendibles e abaratando os custes de produción. Ademais, favorecen unha mellora das vías de comunicación e con eles diversifícanse os usos do solo, minorando os predios abandonados. Explicou tamén que agora, aparte de reducir o número de parcelas e facelas máis grandes, dáse prioridade ao valor agrogandeiro e forestal das zonas interesadas en reorganizar o seu territorio. Neste contexto, dixo, naceu a Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga), que fixo posible unha axilización e un abaratamento dos procesos

Na súa intervención, a conselleira fixo tamén referencia ao modelo Marcos (Mecanismo Agrario de Reestruturación Comunitaria da Superficie), concibido para axilizar os procesos promovidos por particulares, coñecidos como concentracións privadas. Trátase, recalcou, dun instrumento rápido, eficaz e de baixo custo, para facilitar a mobilidade en zonas de tamaño pequeno –entre 50 e 200 hectáreas– nas que existan necesidades de terra por parte das explotacións agrarias, e citou a modo de exemplo destas reestruturacións os procesos en marcha en zonas como os arredores de Lugo, Sarria, Eume-Ortegal ou o Deza.

21 de febreiro de 2018 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.