publicidade hoxe

Jesús Vázquez Almuiña: “A modificación da Lei de saúde de Galicia reportará beneficios para a atención e asistencia dos pacientes”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, amosouse convencido, no Parlamento de Galicia, na presentación do Proxecto de Lei de Modificación da Lei 8/2008 de saúde de Galicia, “de que os cambios reportarán beneficios na atención e asistencia dos pacientes, que é o noso principal obxectivo e a nosa obriga”.

Con esta reforma, -remarcou Almuiña-, “os centros de saúde e os hospitais comarcais seguirán a prestar unha atención de boa calidade”, e insistiu en que a modificación “ten como único obxectivo adaptarse ás diferentes realidades que se están a producir no eido da sanidade”.

Segundo o conselleiro, “buscamos sempre o máximo consenso posible”, mantendo reunións con todos os axentes e colectivos implicados, profesionais do Sergas, colexios profesionais de médicos, farmacéuticos, enfermaría, veterinarios, odontólogos e fisioterapeutas, e noutros ámbitos, con alcaldes e portavoces municipais e foros de cidadáns. A tal efecto, recolléronse as achegas “que consideramos que melloran a proposta”.

O conselleiro dixo, igualmente, que agarda que, ao longo da tramitación parlamentaria, os distintos grupos fagan tamén ás súas achegas e que, “entre todos, poidamos mellorar un texto normativo de gran importancia para a cidadanía”. Consideramos, -recalcou Almuiña-, “que despois de 10 anos de vixencia da lei faise necesaria unha actualización para garantir e ampliar o sistema público de saúde, ademais de continuar na procura dunha óptima utilización dos recursos e unha atención mellor e máis eficiente aos pacientes”.

Modificacións

O conselleiro destacou as modificacións incluídas no proxecto, que agrupou en seis apartados: a organización territorial, os órganos de participación, a autoridade sanitaria, a xestión de persoal, a docencia e investigación, e a comisión interdepartamental en materia de educación e saúde.

Respecto da organización territorial, Almuiña dixo que o mapa sanitario vixente en Galicia, de hai máis de 30 anos, “non coincide coa realidade do funcionamento do Sergas hoxe”, que conta con 7 xerencias de xestión integrada e 14 complexos hospitalarios. Coa modificación, “consolidarase o modelo de integración para facilitar o acercamento dos profesionais á cidadanía que, dende o 2011, fixo posible que se evitaran máis de 260.000 desprazamentos, posto que os enfermos foron atendidos nos hospitais máis próximos ao seu domicilio, nos hospitais comarcais”. Polo tanto, e grazas a esta modificación, “recóllese nunha norma con rango de lei a permanencia dos hospitais comarcais”, -subliñou o conselleiro-.

Respecto dos órganos de participación, a modificación supón que se estenden a todos os hospitais. Así, por primeira vez, existirá participación social directa nos hospitais de Verín, Cee e Barbanza. Ademais, elévase a rango de Lei o Consello Asesor de Pacientes, que ata o de agora non estaba regulado. Así, o número total de entes de participación social regulados por lei mediante esta modificación pasa de 12 a 23.

No que atinxe ao apartado de autoridade sanitaria, coa modificación, todos os inspectores sanitarios, incluídos os de saúde pública, terán a consideración de autoridade sanitaria, o que lles permitirá tomar decisións no ámbito do seu labor como é a adopción de medidas cautelares, intervención e inmobilización de produtos e suspensión de actividades que supoñan un risco grave e inminente para a saúde pública.

En materia de xestión de persoal, establécese a posibilidade, para a Administración sanitaria, de definir itinerarios profesionais para o persoal do sistema público de saúde, entendendo como tales o conxunto de postos de traballo que conforman unha área de competencias, capacidades, coñecementos e formación comúns. Segundo remarcou Almuiña, “os profesionais seguirán ligados á área e manterán o seu destino orixinal, beneficiándose da posibilidade de pertencer a servizos máis amplos e mellorando a súa especialización”.

No que se refire á docencia e investigación, adáptase este aspecto á recente creación da Axencia galega do coñecemento e investigación en materia sanitaria, que unificou as competencias dispersas en materia de formación, investigación e innovación.

Por último, grazas á modificación da lei, créase unha Comisión interdepartamental en materia de educación e saúde, posto que ambos os departamentos comparten moitas sinerxías e teñen moitas iniciativas conxuntas.

6 de febreiro de 2018 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.