publicidade hoxe

Feijóo preside o acto de entrega dos diplomas das Bolsas de Excelencia para a Mocidade Exterior

O presidente da Xunta na entrega dos diplomas

O presidente da Xunta na entrega dos diplomas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso do Executivo autonómico cos mozos da Galicia exterior que queiran continuar a súa formación na Comunidade e abrir novos camiños, novos retos e novas oportunidades. Ao respecto referiuse ao acto de entrega dos diplomas das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, co fin de axudar a que os 100 mellores expedientes académicos de galegos residentes no exterior poidan cursar un mestrado nunha universidade galega.

Para acadar este obxectivo, Feijóo subliñou durante o acto a colaboración das tres universidades, así como a capacidade de empregabilidade dos nichos formativos nos que se están a especializar estes mozos, procedentes de 16 países.

“Hai unha Galicia aberta para vós e para os vosos, que ve na Galicia exterior unha fonte de posibilidades para sumar solucións ao problema demográfico e que ve na Galicia interior un fogar para aqueles que pensen en volver, especialmente desde os países da emigración que peor se atopan política e economicamente nestes momentos”, abundou.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta trasladou a satisfacción da Administración autonómica de que a Galicia aberta ao mundo, que axudaron a conformar os galegos da emigración, contribúa hoxe a que netos e bisnetos de emigrantes poidan completar os seus estudos na Comunidade, coñecer directamente as súas orixes e abrir a posibilidade de novos horizontes nesta terra.

Logo de recordar que en todos os países dos que proceden este mozos hai unha galeguidade consolidada, “que sementaron os que se foron desde aquí e que xerminou nos fillos e netos”, Feijóo insistiu en que este programa de bolsas aspira a aproveitar o traballo, o coñecemento, a experiencia e a ambición de todos eles.

Segunda convocatoria

O Consello da Xunta aprobou a pasada semana a segunda convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración, coas que a Xunta posibilitará, por segundo ano consecutivo, que titulados universitarios galegos de currículo brillante e residentes no estranxeiro, poidan cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

Así mesmo, cómpre salientar que a bolsa, cuxo importe oscila entre os 7.000 e os 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS. E, aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia).

20 de febreiro de 2018 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.