publicidade hoxe

Feijóo anuncia o nomeamento dos tres membros que conformarán o Tribunal de Contratación Pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O titular do Goberno galego, anunciou hoxe que o Consello da Xunta acaba de acordar o nomeamento dos tres membros que formarán parte do Tribunal de Contratación Pública para resolver recursos especiais no eido da contratación por parte da Administración.

Entre as competencias deste tribunal, que actuará con total independencia e asumirá tarefas que ata agora desempeñaba un tribunal dependente do Goberno central, figura a resolución dos recursos que existan con respecto aos contratos de obras cuxo valor estimado sexa superior a 3 millóns de euros ou os contratos de subministración e servizos cun valor estimado que supere os 100.000 euros, por unha banda. E, pola outra, a resolución das reclamacións referentes a acordos marco que teñan por obxecto a celebración dalgún dos anteriores contratos, así como ás concesións de obra ou de servizos cuxo valor estimado supere os 3 millóns de euros.

Nese sentido, Feijóo subliñou que o seu ámbito competencial abranguerá tanto a Xunta e as entidades do sector público autonómico como as entidades locais coas súas respectivas sociedades adxudicadoras e as universidades públicas.

A presidencia do tribunal será ocupada polo letrado Santiago Valencia, actual xefe de gabinete de Asuntos Constitucionais na Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, mentres que os dous vogais serán Ana María de Frutos e Tomás Ferreiro Otero.

Segundo detallou Feijóo, os integrantes deste tribunal foron seleccionados a través dunha convocatoria pública e baixo o cumprimento dunha serie de requisitos específicos. Os tres son funcionarios de carreira, titulados en Dereito e contan con máis de dez anos de experiencia profesional.

Logo de felicitar os tres nomeados, o presidente da Xunta precisou que o seu mandato será de seis anos, aínda que aclarou que a primeira renovación do organismo se realizará de xeito parcial cando transcorran tres anos.

Finalmente, concluíu destacando que a posta en marcha do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma facilitará que os conflitos que se orixinen en Galicia neste ámbito poidan resolverse tamén en Galicia.

8 de febreiro de 2018 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.