publicidade hoxe

A Xunta achega á xuventude ao mundo rural a través da xornada ‘Incorpórate’ da Agaca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe no acto inaugural da xornada Incorpórate, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

O obxectivo deste encontro é dar a coñecer á mocidade as estratexias de mellora que existen no ámbito da agricultura e gandería, e tamén dar visibilidade ao potencial deste sector, de xeito que aqueles mozos e mozas que estean a pensar no seu futuro laboral, teñan a oportunidade de coñecer exemplos de persoas da súa idade que estableceron con éxito o seu medio de vida no rural.

Cecilia Vázquez destacou que o seu departamento leva a cabo diversas accións que teñen como área prioritaria o desenvolvemento e a dinamización do medio rural e actividades relacionadas coa súa posta en valor. Así, destacou o programa Iniciativa Xove, para asociacións e grupos informais; as iniciativas locais para a xuventude, que van dirixidas aos concellos; e o servizo de voluntariado xuvenil, que se centra nos concellos e tamén nas entidades de acción voluntaria.

A directora xeral destacou a importancia de promover e apoiar aqueles proxectos que contribúan tanto a fixar como a atraer á xente moza ao entorno rural. Neste sentido, apuntou que o cooperativismo “pode ser unha fórmula axeitada para facilitar a xuventude unha oportunidade laboral no ámbito rural”. Cecilia Vázquez rematou a súa intervención agradecendo a Agaca a celebración desta xornada que aposta por dous piares básicos para Galicia: a xuventude e o mundo rural.

23 de febreiro de 2018 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.