publicidade hoxe

A Consellería de Educación abre o prazo para que os centros educativos soliciten participar no proxecto de innovación educativa EduMotivaCon

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/) a convocatoria para que os centros soliciten participar na segunda edición do proxecto de innovación educativa EduMotivaCon, a través do que 19 persoeiros de recoñecido prestixio e relevancia na sociedade galega e que destacan en diferentes campos profesionais. Estes profesionais ofrecen aos centros educativos diferentes iniciativas co obxectivo de fomentar no alumnado valores como a motivación, o esforzo, a curiosidade, o pensamento crítico e o traballo en equipo. Este proxecto desenvolverase entre febreiro e xuño de 2018, a través das diferentes actividades sobre distintas temáticas nas que son profesionais especialistas.

Poderán solicitar a súa participación neste proxecto os centros sostidos con fondos públicos, para o que deberán cubrir o formulario dispoñible no web do proxecto, http://www.edumotiva.gal, que estará dispoñible ata o 28 de febreiro. Os centros poderán escoller o persoeiro no que teña interese, en función das actividades que mellor se adapten ao seu contexto.

En total este ano haberá catro mentores novos, a doutora en Medicina e directora do CINBIO, África González; a empresaria do audiovisual Emma Lustres; a gaiteira Susana Seivane; e a empresaria e xerente na consultoría de Ponle cara al Turismo, Sandra Touza; que se sumarán aos 15 que repiten experiencia por segundo ano consecutivo, nomeadamente os científicos e divulgadores Ángel Carracedo, Senén Barro e Jorge Mira; os xornalistas Luis Fraga e Kiko Novoa; a xornalista e presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky; o músico Roi Casal; a médica Carmen Vidal; o adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Moncho Fernández; o escultor Manolo Paz; o publicista Miguel Conde; o cociñeiro Pepe Solla; o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares; o actor Manuel Manquiña; e a conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández Miguélez.

Balance da experiencia piloto

A primeira experiencia deste tipo, que se puxo en marcha a finais do curso pasado, aglutinou unha importante demanda por parte de todos os centros educativos participantes (desde infantil, primaria e secundaria, ata centros de formación musical e centros de educación especial, entre outros), o que fai que a Consellería siga implementando o programa neste curso coa incorporación de novos mentores co obxectivo de poder alcanzar un maior número de centros escolares.

No curso pasado realizáronse un total de 41 actividades de mentoring en distintos formatos (charlas, obradoiros, visitas, seminarios de debate) para un total de 2500 alumnos de 37 centros educativos, a meirande parte dos cales foron Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP), e Institutos de Educación Secundaria (IES).

9 de febreiro de 2018 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.