publicidade hoxe

O Pergamiño Vindel recibiu máis de 35.000 visitas no Museo do Mar de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+
Román Rodríguez coa delegación do Parlamento de Galicia no seu percorrido polo centro museístico

Román Rodríguez coa delegación do Parlamento de Galicia no seu percorrido polo centro museístico

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou hoxe ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, aos membros da mesa e aos integrantes da Comisión 4ª na súa visita á mostra O Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, no Museo do Mar de Galicia, unha exposición que xa contemplaron máis de 35.000 persoas. Segundo explicou o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, a previsión é que pasen polo Museo do Mar de Galicia para ver o Vindel máis de 450 centros educativos.

Neste sentido Román Rodríguez explicou que se trata dunha mostra temporal, “acoutada polo tanto no espazo e no tempo, pero non na memoria. Esta exposición perdurará na lembranza dos visitantes e na memoria de Galicia como un gran fito cultural”.

O conselleiro quixo ademais agradecer á Universidade de Vigo e ao seu reitor, Salustiano Mato – presente tamén na visita de hoxe- “o intenso traballo para acadar algo tan importante como que todos os galegos e galegas poidan coñecer esta obra cimeira da cultura occidental sobre a que se funda a nosa cultura, xoia literaria e musical que é o Pergamiño Vindel”. Así mesmo, agradecer o esforzo adicional que están realizando os profesionais do Museo do Mar de Galicia para xestionar esta exposición no seu día a día.

Convidando a todos aqueles que non o fixeran até o momento a que se acheguen ao Museo e visiten a mostra, Román Rodríguez lembrou que a exposición desenvolve aspectos como a cultura e a espiritualidade dunha sociedade que se abre a Europa polos camiños de peregrinación que ao longo da cornixa cantábrica conducen a Santiago de Compostela; ou o uso social do galego máis aló do ámbito literario; entre outros aspectos.

31 de xaneiro de 2018 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.