publicidade hoxe

Francisco Conde presenta o novo Mapa de apoios do Igape

Francisco Conde na presentación do Mapa de apoios do Igape

Francisco Conde na presentación do Mapa de apoios do Igape

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe en Santiago o Mapa de apoios do Igape 2018, unha nova guía dirixida a autónomos, emprendedores, pemes e grandes empresas que recolle nun único documento todas as axudas que a Xunta, a través do Igape, ofrece ao tecido empresarial galego, tanto os apoios e recursos como o calendario das convocatorias para que se poidan planificar. En palabras de Conde, é un Mapa “coherente e complementario” co resto de iniciativas doutras administracións, como a estatal, que presta especial atención á innovación, a formación e á Industria 4.0.

O obxectivo desta actuación, segundo explicou Conde, é que as iniciativas empresariais non queden sen desenvolver por falta de axudas e, por iso, o Mapa aglutina os apoios dispoñibles para a creación de empresas, o seu crecemento e consolidación e a súa expansión internacional, así como as ferramentas para axudarlles no seu financiamento. Con estes instrumentos, en palabras do conselleiro, do que se trata é de seguir contribuíndo a que Galicia sexa capaz de seguir medrando sobre as bases da innovación, o coñecemento, a competitividade, a internacionalización e o emprego de calidade.

No eido da innovación e a Industria 4.0, para a captación e retención de talento e para a mellora da competitividade do tecido empresarial, Conde puxo en valor a segunda convocatoria da Fábrica Intelixente e un programa pioneiro co que Galicia contará este ano para favorecer o impulso de proxectos colectivos de dixitalización, que se prevé que beneficie a 100 pemes galegas a través dun orzamento de 5 millóns de euros. Salientou, así mesmo, as aceleradoras que promove a Xunta como a que se levará a cabo con Telefónica para impulsar retos tecnolóxicos co obxectivo de que as empresas tractoras poidan identificalos, ao tempo que se abrirá unha convocatoria para que outras firmas poidan dar resposta a estes retos.

O conselleiro sinalou que son tres programas que demostran que “o camiño é a innovación e a Industria 4.0”, que van acompañados de ferramentas para apoiar o financiamento das empresas como son os novos Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs).

En materia de internacionalización, para posicionar os produtos e servizos das compañías galegas nos mercados exteriores, o Mapa de apoios do Igape conta con servizos de información, formación, asesoramento e accións promocionais e coas axudas dos programas Galicia Exporta e o Plan Foexga.

En canto á formación, destacou os programas para formar a directivos lembrando, ademais, que o Igape colabora coa área de Emprego na posta en marcha das Unidades Formativas, tanto para persoas desempregadas como ocupadas, que, tal e como subliñou Conde, supoñen “unha oportunidade para que as empresas poidan desenvolver proxectos formativos adaptados as súas necesidades”. Con esta actuación, o Goberno galego prevé beneficiar este ano a 2.100 persoas.

Lei de implantación empresarial

O titular de Economía apuntou que este Mapa de apoios do Igape unido á nova Lei de implantación empresarial permitirá crear en Galicia o clima propicio para o desenvolvemento das empresas, tanto para as de nova implantación como para aquelas que queren medrar. “É importante permeabilizar o mapa de axudas ao tecido produtivo”.

Sobre a nova normativa, lembrou que pretende captar investimentos ofrecendo máis simplificación administrativa, máis facilidades no acceso ao solo e máis vantaxes fiscais, que serán maiores para os Concellos Emprendedores. “A nosa finalidade é clara, que os nosos apoios cheguen ao maior número de beneficiarios posibles para conseguir que a nosa economía siga medrando”.

Con respecto aos bos datos da economía galega que ratifican que a Comunidade xa emprendeu a senda do crecemento económico, é preciso destacar que o capital para constituír empresas medrou en Galicia o ano pasado un 53% con respecto a 2016, o que demostra “a fortaleza do noso novo tecido empresarial”, subliñou. A industria é cada vez máis forte, xa que ata novembro de 2017 aumentou o IPI un 1,5%, e máis internacional, xa que as exportacións seguen a bater récords medrando entre xaneiro e novembro un 7,8% con respecto ao mesmo período de 2016.

23 de xaneiro de 2018 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.