publicidade hoxe

A Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística asumirá competencias ante infraccións en todo tipo de obras nos concellos adheridos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Intervención da conselleira

Intervención da conselleira

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, avanzou hoxe que a Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística (Aplu) ampliará as súas funcións este ano ao asumir tamén as competencias sobre infraccións naquelas obras suxeitas a comunicación previa municipal e non só nas que requiran de licenza.

Así o adiantou esta mañá a responsable autonómica no transcurso da xornada Novos servizos e competencias da Aplu, que congregou en A Coruña a máis de medio cento de alcaldes e técnicos municipais da provincia para darlles a coñecer as principais novidades nas que traballa a axencia para mellorar o seu funcionamento.

Na actualidade, explicou a conselleira, os convenios de delegación de funcións dos concellos adheridos tan só contemplan a intervención da Aplu cando a obra está sometida a licenza. Sen embargo, son as pequenas construcións, como muros de peche ou alpendres, as que xeran a gran maioría das infraccións nos concellos máis pequenos, precisamente os que máis necesitan do auxilio do organismo autonómico para poder exercer as súas competencias en materia de urbanismo.

Neste sentido, a conselleira explicou que a ampliación das competencias da Aplu é unha demanda dos propios concellos, que reclaman que esta poida asumir tamén a disciplina urbanística en todo tipo de obras e usos do solo. Esta delegación, en todo caso, será voluntaria e requirirá dunha modificación dos convenios de adhesión subscritos entre cada concello e a Aplu, empezando polos de menos de 5.000 habitantes por ser os que dispoñen de menos recursos materiais e persoais.

Entre as novidades máis destacadas no funcionamento do organismo, Mato Otero referiuse tamén á axilización dos trámites administrativos relacionados cos recursos de reposición. Nestes momentos, as entidades locais adheridas teñen atribuída a competencia para resolver estes recursos. A proposta da Aplu, indicou a conselleira, é asumir esta competencia, previo informe de conformidade do concello, co fin de axilizar e facilitar a xestión deste tipo de procedementos administrativos.

A Aplu foi a primeira axencia urbanística de ámbito autonómico en España. Dez anos despois da súa posta en marcha, Beatriz Mato lembrou que hoxe en día é un organismo consolidado que conta cun total de 66 concellos adheridos, aínda que o obxectivo, segundo remarcou, é “seguir crecendo”.

Así, a conselleira explicou que a axencia traballa para lograr novas adhesións e alcanzar unha maior e mellor colaboración cos concellos que xa delegan as súas competencias nela co fin de que vele polo cumprimento do marco normativo urbanístico de Galicia. “E para que todos podamos acadar a conservación dun ben tan prezado como é a nosa paisaxe e a nosa contorna, unha das principais riquezas de Galicia”, engadiu a titular de Medio Ambiente.

Durante a xornada, o director da Aplu, José Antonio Cerdeira, explicou tamén que co fin de ofrecer un servizo e unha atención mellorados, os concellos adheridos verán incrementados en 2018 os seus ingresos por multas e sancións. Así mesmo, a axencia urbanística tamén creará un servizo de cooperación e asistencia municipal e estreará páxina web, incluíndo na mesma un novo espazo de atención específica para as entidades locais adheridas.

Balance de 2017

O proceso de renovación e ampliación de competencias que afrontará a Aplu en 2018 vén precedido dun ano que a conselleira cualificou de “excelente”. Neste sentido, Mato Otero avanzou que en 2017 se executaron un total de 205 reposicións urbanísticas, unha cifra récord xa que foi a máis alta desde a posta en marcha da axencia no ano 2007.

Así mesmo, o organismo autonómico tamén resolveu un total de 441 expedientes e realizou 1.256 inspeccións, un labor de prevención “fundamental” para impedir as agresións ao territorio, tal e como dixo a titular de Medio Ambiente.

31 de xaneiro de 2018 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.