publicidade hoxe

Taboada acolle este venres unha programación cultural e lúdica totalmente de balde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoTaboada
A-
A+

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e o Alcalde de Taboada, presentaron este luns o Festival da Mocidade 2017 e a Festa Infantil do Concello que terán lugar o vindeiro venres, día 11 de agosto, na localidade. Fixérono acompañados por membros da Asociación Cultural O Marrao Enxebre, organizadores do Festival que reúne ano tras ano á xuventude da zona. O organismo provincial colabora con estas dúas citas cunha achega de 3.350 euros, dinamizando a economía da vila e dando a coñecer cada un dos seus recunchos.

García Porto subliñou que “o Festival de Taboada serve como punto de reunión para a mocidade da vila, pero tamén de lugares limítrofes como Chantada ou Monterroso. Con esta iniciativa dinamizamos a vida cultural do Concello e damos a coñecer o casco urbano de Taboada, que acollerá a centos de persoas con motivo do evento”.

A Deputada de Cultura engadiu que “a esta colaboración engádese a axuda que achegamos para a organización da Festa Infantil do Concello, co que conseguimos involucrar a toda a poboación de Taboada ao longo da xornada. Cómpre sinalar que na presente anualidade investimos un total de 84.000 euros para a organización de actividades culturais nos Concellos das Comarcas da Ulloa e Chantada, concretamente son 6.800 euros para o municipio de Taboada”.

Ruta de bares, cea popular e actuacións musicais

O Festival da Mocidade 2017, organizado pola Asociación Cultural O Marrao Enxebre, terá lugar o vindeiro venres 11 de agosto. A partires das 18:30 horas comezará a Ruta polos bares na cafetería URDI e seguirá o percorrido habitual pola vila de Taboada acompañados da charanga Garrafon.com.

Ás 22:00 horas, dará comezo unha gran cea popular. Para participar nesta, é necesario mercar a camiseta do Festival nos seguintes puntos de venta: en Taboada (Mario e Muxicas), en Monterroso (Bruselas), e en Chantada (Ribeiriña). Por un prezo de 15 euros inclúe, ademais da cea, cinco consumicións.

Ás 23:30 horas, darán comezo os concertos de Liviao de Marrao, Festicultores Cultivadores de Festas e Os Vacalouras!! Ademais, como novidade este ano o Festival da Mocidade dispón dunha zona de acampada totalmente gratuíta.

Tamén, o venres a partir das 16:00 e ata as 19:00 horas terá lugar a Festa Infantil do Concello, destinada a todos os nenos e nenas da localidade e na que haberá inchables, un circuíto de karts e diferentes actividades infantís de recreo, situadas todas elas a carón do pavillón deportivo de Taboada.

7 de agosto de 2017 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.