publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Danza 3 chega ao seu ecuador con actuacións en Mos, Ribadeo, Ortigueira e Sanxenxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosOrtigueiraRibadeoSanxenxo
A-
A+

O programa Danza 3 de difusión da música e o baile tradicionais chega este mes ao seu ecuador con catro novas citas en Mos, Ribadeo, Ortigueira e Sanxenxo. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación impulsa, xunto coas agrupacións do colectivo XOC (Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela), una nova edición deste ciclo, que se estenderá ata novembro para ofrecer un total de 12 funcións noutros tantos concellos.

A primeira das actuacións de agosto correrá a cargo do Fiadeiro, que se presenta este domingo, ás 20,00 h., no Auditorio de Torroso de Mos. No seu espectáculo, a agrupación viguesa dá conta da riqueza de ritmos, xeitos de tocar e vestiario tradicional en Galicia. Medio cento de artistas son os encargados de interpretar as diferentes escenas que recrean algunhas das festas máis populares. As entradas, a un prezo de 5 euros, poden adquirirse tanto nas oficinas do Auditorio das Pozas como no de Torroso.

Pola súa banda, Xacarandaina chegará o día 15 a Ribadeo para ofrecer no Cine Teatro a montaxe Patrimonio inmaterial, a través da que fai un percorrido polas diferentes manifestacións do folclore galego (vestiarios, músicas, cantos e bailes), incidindo na súa posta en valor como parte indispensable da nosa tradición e cultura. Ademais, o día 26 estará en Ortigueira cunha función de rúa arredor da praza Isabel II.

Cantigas e Agarimos completa a carteleira deste mes coa súa presentación en Sanxenxo, que terá lugar o día 27 na praza dos Barcos, ata onde levará unha mostra do seu amplo repertorio buscando implicar no espectáculo aos cidadáns e visitantes da localidade.

Difusión do patrimonio inmaterial

Con máis de oito anos de traxectoria, esta iniciativa naceu co obxectivo de impulsar a proxección social do vizoso patrimonio inmaterial que atesouran a música e o baile tradicionais, así como do labor de investigación, conservación e divulgación do folclore galego que desenvolven este tipo de agrupacións.

Tanto a través dos seus espectáculos de rúa como das galas en escenarios, o colectivo XOC –que suma máis de 1.500 socios– homenaxea a todas as persoas que exerceron e exercen de transmisores e baluartes da danza e a música tradicionais galegas.

A edición deste ano, que arrancou en xuño en Carral e visitou tamén Muros, Redondela, Carballo e O Irixo, continuará en setembro coa representación de Cantigas e Agarimos o día 9 na localidade de Sigüeiro (Oroso). Ademais, a agrupación compostelá levará o seu espectáculo Balbino, co que lembra a figura e a obra de Xosé Neira Vilas, ao Auditorio Carmen Estévez Eguiagaray de Vilalba o 15 de outubro. Danza 3 2017 concluirá en Baltar, onde O Fiadeiro actuará en novembro.

4 de agosto de 2017 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.