publicidade hoxe

Medio Ambiente licita por 530.000 euros as obras de abastecemento de auga potable ao núcleo de Prado, en Friol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriolSober
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia as obras de saneamento e depuración en Ferrón, Suareixa e O Piñeiro, no Concello de Sober, e as obras de abastecemento de auga potable ao núcleo de Prado, no Concello de Friol (http://bit.ly/2sEw7rb), por máis de 530.000 euros.

No caso de Friol o obxectivo é garantir o abastecemento de potable aos veciños do núcleo de Prado, para o que se destinará un orzamento de case 180.000 euros, para chegar a un maior número de veciños e acadar así unha maior calidade de vida para os seus habitantes.

As obras, tal e como se recolle no proxecto redactado polo concello, prevé o deseño dunha captación, que estará estará formada por unha arqueta na que conflúen dúas gabias drenantes, localizadas nunha parcela ubicada nas inmediacións do núcleo de Silvela; un depósito, cunha capacidade de 75.000 litros; así como unha rede de distribución, cunha lonxitude de máis de 10.000 metros, que discorrerá na súa maior parte por camiños públicos. A rede completarase cos elementos necesarios de válvulas de corte, ventosas, desaugues, bocas de rega e unha válvula redutora, albergadas en arquetas prefabricadas de formigón.

Saneamento e abastecemento en Sober

As obras que se executarán en Sober permitirán dotar de saneamento e depuración aos núcleos de Ferrón, A Igrexa e O Pinar, situados na parroquia de Bolmente.

Na actualidade, estes núcleos só dispoñen de rede de abastecemento, pero non de saneamento. Coas actuacións licitadas hoxe , solucionarase esta situación ao proporcionar un sistema de depuración axeitado para estas poboacións.

O proxecto recolle a definición dun sistema de saneamento completo mediante a execución dunha rede de saneamento e a instalación dun sistema de depuración de augas residuais. Prevese tamén a conexión á rede nun futuro dos núcleos de Cacedo e As Chouselas. Así, a rede de saneamento terá unha lonxitude de máis de dous quilómetros e tamén contará con ramais secundarios cunha lonxitude de máis de 1.900 metros.

Tamén se prevé a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais que estará dimensionada para unha capacidade de 120 habitantes-equivalentes, que contará con aliviadoiro, arqueta con reixa de desbaste, decantador-dixestor, leito bacteriano e clarificador secundario. O importe de licitación desta actuación é de case 385.000 euros.

Dende Augas de Galicia recórdase que este tipo de colaboracións entre a Xunta e os concellos garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; axúdase ás entidades locais a mellorar a rede de saneamento abastecemento; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.

Ambos proxectos están cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

3 de xullo de 2017 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.