publicidade hoxe

A Xunta apóiase nos eventos deportivos para promover o patrimonio natural da comunidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaRiveira
A-
A+
Presentación do evento deportivo

Presentación do evento deportivo

A Xunta apóiase nos eventos deportivos co fin de promover o patrimonio natural de Galicia. De aí, a súa colaboración, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, na posta en marcha da terceira proba da Tripla Coroa Illas Atlánticas, que se celebrará o vindeiro 2 de setembro e congregará na Ría de Arousa a 113 nadadores procedentes de España, Portugal e Arxentina. Será, segundo asegurou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, durante a presentación da proba en Ribeira; unha boa oportunidade para que os deportistas e as persoas que os acompañan poidan coñecer a riqueza natural e paisaxística do parque nacional.

A representante do departamento autonómico sinalou que esta competición está considerada a máis larga e esixente do continente europeo, pero tamén das máis atraentes debido á singularidade do entorno no que se desenvolve. Por iso, destacou a oportunidade que ofrecen estes eventos deportivos para a divulgación dos valores naturais e excepcionais destes enclaves.

Deste xeito, paralelamente á competición, organizaranse visitas guiadas e dous certames fotográficos mediante os cales se premiarán as instantáneas que mellor representen o patrimonio material e inmaterial do parque nacional. Estas actividades están pensadas para as familias e acompañantes dos deportistas e, para o seu desenvolvemento, contarase coa colaboración do persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas e tamén dos concellos da contorna.

Así, ademais de excursións ás illas de Sálvora e Cortegada, os asistentes poderán subirse ao tren turístico de Vilagarcía, coñecer a Casa Museo de Valle Inclán, en Vilanova de Arousa; e facer un percorrido de dúas horas de duración polo casco histórico de Cambados. Esta actividade terá lugar o vindeiro 3 de setembro, despois de terse celebrado a terceira proba da Tripla Coroa das Illas Atlánticas.

Características da competición

Cómpre salientar que os nadadores da última proba da Tripla Coroa das Illas Atlánticas deberán completar a distancia que separa a Illa de Sálvora coa praia de Compostela en Vilagarcía de Arousa. En total, 28 quilómetros nos que os deportistas deberán adaptarse ás condicións da ría, como son a temperatura, correntes, vento e ondas. Por iso, é considerada a proba máis complexa, larga e esixente das que existen no continente europeo.

Deste modo, os deportistas sairán da praia do Almacén, en Sálvora o vindeiro 2 de setembro ás 8,45 horas en catro grupos e agárdase que os máis rápidos cheguen a meta seis horas despois. Durante a travesía, disporán de seus puntos de control e avituallamento, que serán as embarcacións tradicionais da Ría de Arousa, grazas á colaboración de diversas asociacións da Illa de Arousa, O Grove e Carril.

Para quen queira ver a competición dende terra, ha de saber que obterá unha visión espectacular desde a ponte da Illa de Arousa, xa que nese punto os nadadores estarán flanqueados polas dornas tradicionais.

Os deportistas que completen a proba recibirán, ademais, o diploma acreditativo da Traslatio Xacobea, que outorga a Fundación Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla.

21 de xullo de 2017 | 14:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.