publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Caballero pide “celeridade” na modificación do imposto de plusvalía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O alcalde e presidente da FEMP manifestou que “queremos seguridade xurídica” na súa aplicación, despois de que o Tribunal Constitucional ditaminase que o imposto é inconstitucional nos casos nos que non exista incremento de valor no momento de transmisión. A FEMP elevará ao Ministerio unha proposta para adaptar a lei á sentenza do TC, segundo adiantou Abel Caballero.

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) recordou que o ditame do Constitucional supón unha continuación das sentenzas pronunciadas xa polos tribunais en Gipuzkoa e Álava. O Tribunal Constitucional determina que non se pode cobrar plusvalía se efectivamente non existe incremento de valor.

Abel Caballero apuntou que levará á próxima sesión do goberno da FEMP a remisión ao Ministerio de Facenda dun criterio para o cálculo da plusvalía e a aplicación da sentenza do TC á lei. A Federación leva dous meses traballando neste asunto e, unha vez sexa aprobado polo goberno da FEMP, se trasladará ao Goberno de España a opinión e o criterio dos concellos españois.

“Queremos seguridade xurídica”, aseverou o alcalde de Vigo, e instou ao Goberno de España e ao Parlamento a resolver con “celeridade e prontitude” e reformar a lei segundo esta sentencia do Tribunal Constitucional, que será de aplicación unha vez sexa publicada polo Boletín Oficial do Estado.

Recordou o alcalde vigues que o cálculo legal do imposto marcaba uns coeficientes segundo os cales sempre había plusvalía, ainda que o ben fose vendido por debaixo do prezo de adquisición. Así, Caballero matizou que o Tribunal “ratifica” a constitucionalidade do imposto mais determina que é inconstitucional nos casos nos que non exista incremento de valor no momento da transmisión. “É unha sentenza chea de sentido común, que compartimos”, valorou.

“Queremos poñernos do lado dos cidadáns, que pagaron un imposto sobre un incremento de valor que realmente non houbo. Esa será a nosa visión como alcaldes”, asegurou Caballero, quen entende como “incorrecta” a aplicación do imposto neste suposto. O alcalde informou de que no Concello de Vigo xa non está a aplicarse a liquidación deste imposto no caso de que non exista “plusvalía positiva”.

18 de maio de 2017 | 17:26 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario