publicidade hoxe

A Xunta demostra a importancia da asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria cun simulacro de ‘Acude e axuda’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Simulacro de atención por parada cardiorrespiratoria na Praza do Obradoiro

Simulacro de atención por parada cardiorrespiratoria na Praza do Obradoiro

O Servizo Galego de Saúde realizou hoxe un simulacro para dar a coñecer o funcionamento do programa Acude e Axuda de asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria en lugares públicos por persoal voluntario acreditado no manexo de desfibriladores externos semiautómaticos (DESA). Nesta iniciativa colaboran o Sergas, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Cruz Vermella e a Sociedade Española de Cardioloxía.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asistiu á realización da simulación na Praza do Obradoiro, onde se demostrou como calquera testemuña, fóra do ámbito hospitalario, ante unha persoa inconsciente, debe chamar ao 061 e transmitir axeitadamente a información que lle requiran. Confirmada a situación a través do interrogatorio telefónico co médico coordinador, este lle indicará como realizar as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP), ao tempo que alertará a unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado e activará a través dunha app informática aos voluntarios de Cruz Vermella inscritos no programa Acude e Axuda.

Deste xeito, un voluntario acudirá xunto a vítima para continuar coas manobras de RCP, mentres outro acude á procura do DESA máis próximo, que no simulacro de hoxe foi o localizado no edificio do Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela, ata a chegada da ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, que tras avaliar, atender e estabilizar á vítima, procederá ao seu traslado ao centro hospitalario máis próximo

O programa Acude e Axuda comezou o pasado mes de novembro no Concello de Santiago como proxecto piloto coa finalidade de implantalo en toda a Comunidade Autónoma de Galicia no marco das accións para a mellora da atención á morte súbita. Na actualidade, conta con 55 voluntarios de Cruz Vermella formados en técnicas de soporte vital básico e no manexo de desfibriladores externos semiautomáticos.

Decreto DESA

A esta iniciativa se suma a recente aprobación do decreto que regula a instalación e o uso dos DESA fóra do ámbito sanitario. Esta norma recomenda a instalación de desfibriladores externos semiautomáticos en espazos habitualmente moi concorridos, simplifica o procedemento de formación de provedores, facilita e axiliza a instalación deste aparatos, prevé a creación dun rexistro público autonómico coa localización dos DESA e ten en conta ás empresas que nas licitacións de contratos públicos oferten desfibriladores externos semiautomáticos como una mellora que contabilice no concurso.

A concienciación da sociedade da importancia do recoñecemento dos sinais de morte súbita, así como das técnicas para a reanimación cardiopulmonar básica, é fundamental, xa que a RCP por testemuña duplica as posibilidades de supervivencia da vítima, como se deriva da análise dos máis de 750 eventos que cada ano atende Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

En Galicia as enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes. A causa máis frecuente de parada cardiorrespiratoria nas persoas adultas é a síndrome coronaria aguda e, dentro desta, a fibrilación ventricular e a taquicardia ventricular sen pulso, que teñen como único tratamento a desfibrilación eléctrica.

Entre os anos 2001 e 2015, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aplicou o DESA a 5.046 pacientes. No 26,3% dos casos (1.329 persoas), o desfibrilador detectou un ritmo desfibrilable e realizou descargas, e deles o 53,19% (707 persoas) recuperou o pulso durante a atención extrahospitalaria. Nestas situacións, a dispoñibilidade inmediata de medios técnicos resulta imprescindible para abordar con éxito as manobras de reanimación.

8 de maio de 2017 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.