publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Francisco Conde destaca o impulso da Xunta á biomasa como fonte de enerxía “autóctona e sustentable”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Francisco Conde na visita ás caldeiras de biomasa do centro polideportivo

Francisco Conde na visita ás caldeiras de biomasa do centro polideportivo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe no Porriño as caldeiras de biomasa instaladas no centro polideportivo municipal e a piscina a través dos apoios da Xunta para a substitución das de gasóleo. Esta iniciativa, financiada pola Xunta nun 91%, permitirá ao Concello un aforro de preto de 20.000 euros ao ano e evitar a emisión de 142 toneladas de CO2.

O titular de Economía salientou o impulso da Xunta á biomasa, unha fonte de enerxía que, segundo destacou, é limpa, autóctona, sostible e rendible tanto económica como ambientalmente, e favorece, sobre todo, o impulso da actividade económica no sector primario, fixando poboación e promovendo o emprego de calidade nas áreas rurais.

Conde indicou que, en global, a través desta liña de axudas, o Goberno galego apoiou nesta localidade a instalación de 11 caldeiras de biomasa cun investimento de preto de 180.000 euros – incluídas as tres do pavillón municipal- grazas ao que a Administración local poderán amortizar o investimento realizado en menos de 10 meses e obterá na súa factura enerxética un aforro anual de 25.000 euros.

A Xunta está a activar este ano por 11,7 millóns de euros catro novas convocatorias de axudas para impulsar o uso da biomasa en Galicia. Ao respecto, Conde detallou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha destas actuacións, dirixida á posta en marcha de proxectos singulares de redes de distribución (district heating). Trátase de que a través dunha mesma caldeira se poidan abastecer de enerxía diferentes instalacións ou edificios e mesmo fogares por medio desta rede de distribución.

En total, a Administración autonómica destina 4,5 millóns de euros a estas axudas que poden alcanzar ata un millón por proxecto ou beneficiario. O prazo de solicitude ábrese mañá e rematará o próximo 18 de maio. Os apoios están destinados ás administracións autonómica e local e ás empresas. En 2016, a través desta iniciativa, impulsáronse 7 proxectos de district heating que mobilizan preto de 10 millóns de euros.

As convocatorias para financiar equipamentos térmicos para particulares, a través do Plan de Vivenda, e para empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións están xa activas, rematando o prazo de solicitude o próximo 24 de abril. Ademais, a Xunta porá en marcha unhas axudas específicas para fomentar as enerxías renovables no eido agroalimentario. Estas catro liñas de axudas permitirán a instalación de máis de 1.000 caldeiras coas que se aforrarán tres millóns ao ano. Ata a data, a Xunta xa apoiou a posta en marcha de 3.000 caldeiras.

A estas actuacións súmanse outros plans neste ámbito como son a rede de subministración instalada no complexo administrativo de San Caetano e a colocación de quipos nos hospitais públicos galegos e en diferentes sedes xudiciais.

Todas estas medidas, segundo apuntou Conde, forman parte da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa coa que a Xunta pretende aforrar 70 millóns de euros anuais na compra de combustibles fósiles, a creación de 1.000 novos postos de traballo ou triplicar o consumo de biomasa. Ao remate deste ano levarase apoiado a instalación de 4.000 caldeiras e evitarase a emisión de 60.000 toneladas anuais de CO2.

18 de abril de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.