publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña destina 266.000 euros a finalizar a construción do centro social de Carreira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

As obras no centro social multiusos de Carreira, no concello de Ribeira, saen hoxe a licitación por un importe de 266.377 euros. A Deputación da Coruña, a través do seu Plan de Acción Social, financia o custe total deste proxecto, que inclúe a instalación dunha envolvente que mellorará o illamento e a eficiencia enerxética do inmoble e a creación dunha gradaría nas inmediacións da pista deportiva exterior.

Trátase das últimas obras necesarias para rematar o novo inmoble, que se destinará á realización de actividades de ámbito local como charlas, cursos, reunións e outras propostas dos veciños da parroquia.

Ademais, a instalación da envolvente evitará a degradación das estruturas, que actualmente están expostas á humidade. Este sistema de illamento executarase tanto nas paredes exteriores coma nas interiores, e complementarase co pintado de todas as estancias con pintura plástica antimofo.
Así mesmo, crearase unha soleira e varios chanzos de formigón para diminuír a humidade e facilitar o acceso ao patio, e instalaranse sistemas de climatización e ventilación de alta eficiencia enerxética.

Os fondos provinciais tamén sufragan toda a carpintería interior, coma as portas das diferentes salas ou as encimeras, barras e bancos da cafetería. As obras no interior do centro completaranse cos instalación de falsos teitos e de pavimentos, que se realizarán en parquet industrial de madeira maciza e en plaqueta de gres procelánico.

En canto ao exterior, instalarase unha gradaría de formigón nas inmediacións da pista deportiva e da zona de xardín, que dotará ao centro dun espazo para acomodar ao público durante a realización de actividades e eventos ao aire libre.

21 de febreiro de 2017 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.