publicidade hoxe

Román Rodríguez inaugura a mostra ‘Litografías de Antonio Saura’ en Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+
Inauguración da mostra "Litografías de Antonio Saura"

Inauguración da mostra “Litografías de Antonio Saura”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, participou esta mañá na presentación da mostra “Litografías de Antonio Saura”, no Museo do Gravado de Artes. Un acto que significou tamén a presentación pública do novo director do centro, Pastor Rodríguez Santamaría, ao que o titular de Cultura lle desexou sorte no desempeño “dunha responsabilidade importante” tanto pola entidade e calidade da colección que alberga, como polo papel que este centro ten na divulgación e promoción desta disciplina artística no eido galego.

O conselleiro reivindicou na presentación desta mostra sobre Saura “a figura dun dos pintores esenciais para comprender a evolución da historia da arte do século XX, que ademais destacou extraordinariamente como ilustrador e litógrafo”, así como o papel do Museo do Gravado, “que transcende ao eido local e galego para amosársenos como un dos grandes museos centrados nesta disciplina artística do conxunto de Europa.”

“Neste concello de Riveira e nesta parroquia de Artes –explicou o conselleiro– pódese gozar dunha escolma dos grandes pintores europeos de todos os tempos na súa faceta de gravadores. Desde os Mestres máis antigos, artistas do talle de Goya, Rafael, Rubens, Rembrandt ou Tiziano, a creadores modernos e contemporáneos como Toulousse-Lautrec, Picasso, Dalí ou, como non, o oscense Antonio Saura, do que hoxe mesmo estivemos coñecendo mellor a excepcional colección de litografías.” En concreto, a exposición inclúe dúas das súas series máis significativas: ‘Os sete pecados capitais’ e 69 litografías orixinais de ‘Franz Kafka: Tagebücher’.

Na presentación da mostra participaron, ademais do conselleiro, o alcalde de Riveira, Manuel Ruíz Rivas; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente da Fundación Museo de Artes e promotor deste espazo expositivo, Javier Expósito Paradela; e o director do Museo, Pastor Rodríguez Santamaría.

27 de xaneiro de 2017 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.