publicidade hoxe

Os concellos da comarca de Lemos recibiron 450.000 euros do Plan Marco de mellora de camiños rurais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPantón
A-
A+

A Consellería de Medio Rural dedicou máis de 450.000 euros ás obras executadas nos concellos da comarca de Lemos a cargo do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias, que está cofinanciado nun 75% con fondos Feader.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe a Pantón para supervisar xunto co alcalde, José Luís Álvarez, as obras realizadas no municipio ao abeiro deste programa.

Balseiro salientou que o obxectivo deste plan “é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais”. “Dende a Xunta somos conscientes de que para logralo temos que mellorar as dotacións existentes de infraestruturas básicas, así como levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e a mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural”, engadiu.

No caso de Pantón, as obras consistiron na mellora de nove viais, entre eles o camiño entre Campoverde, Marrás e Tribas, ou o que conecta Arribada, Barrio e a estrada provincial. Víronse beneficiadas polas obras outras localidades, como a Torre, A Lama, Vila do Mato, Mañente, Marrás, Toldaos, Trigás, Martiñal ou A Hermida.

A Xunta de Galicia aportou a estas obras algo máis de 95.000 euros, segundo a contía que lle correspondía a este concello en aplicación das bases reguladoras que entraron en vigor este ano.

Os criterios de repartición para desenvolver o Plan Marco 2016 foron consensuados entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e, establecen, entre outras condicións, que as actuacións propostas deben, cando menos, facilitar o acceso a dúas ou máis parcelas integrantes de explotacións agrarias, favorecer o acceso a montes veciñais en man común ou ben o acceso a parcelas incorporadas ao Banco de Terras de Galicia.

12 de decembro de 2016 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.