publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investiu uns 420.000 euros en reformar as instalacións e mellorar a dotacións das residencias da terceira idade de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLugoLugoMonforte de Lemos
A-
A+

A Consellería de Política Social investiu nos últimos meses 419.508 euros en traballos de reforma e adquisición de equipamento para mellorar as dotacións das residencias da terceira idade que xestiona en Lugo, Burela e Monforte de Lemos.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata a residencia da Milagrosa, na capital, onde se realizaron diversas reformas e se instalou un parque biosaudable, e destacou que o obxectivo destas melloras “é prestar unha atención de calidade que garanta o benestar dos usuarios ao tempo que se facilita o traballo do persoal”.

Neste centro renovouse a pintura de todas as dependencias e realizáronse obras de reforma e ampliación da lavandería para a inclusión dunha calandra téxtil de pasar o ferro; tamén se adquiriu novo mobiliario de cociña, lavalouzas, un deshumidificador ou unha envasadora.

No exterior instaláronse aparellos de ximnasia para que os residentes disfruten dun parque biosaudable ao aire libre sen necesidade de saír do recinto. En conxunto, os traballos realizados na residencia da Milagrosa suman 63.952,86 euros.

A Consellería de Política Social impulsou tamén melloras na residencia das Gándaras (Lugo), entre as que destaca a redistribución do sistema de auga quente sanitaria, obras próximas a rematar e que culminarán a renovación do sistema de tubaxe iniciado o pasado ano. Tamén se executaron arranxos no aparcamento, no tellado e nos portalóns e se repintaron algunhas dependencias, ademais de adquirir novo equipamento e mobiliario.

Igualmente, abordáronse obras de pintura, reformas no tellado e mellora de rodamentos e pavimentos na residencia de Burela, para a que tamén se adquiriu material médico, mobiliario, televisións, estanterías e outro equipamento.

Por último, na residencia de Monforte de Lemos executáronse obras en baños e contrafiestras, entre outras, e comprouse diverso mobiliario.

José Manuel Balseiro aproveitou para coñecer de primeira man o funcionamento da residencia e as distintas prestacións que ofrece. Ao respecto, destacou que a oferta de servizos incide moi especialmente na promoción da autonomía de persoas e no envellecemento activo e saudable para loitar conta o posible deterioro físico ou cognitivo asociado á idade.

15 de decembro de 2016 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.