publicidade hoxe

Conde destaca a aposta de Florentino pola internacionalización cara os mercados asiático e americano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta tarde, durante a súa visita ás instalacións de Florentino no municipio pontevedrés de Lalín, que esta empresa é un exemplo da importancia de impulsar proxectos que favorecen a internacionalización para lograr que o tecido empresarial sexa máis competitivo. Neste caso, indicou que esta firma galega, con presenza en máis de 20 países, ten en marcha un plan estratéxico para chegar a novos mercados en Asia e América.

Conde subliñou a traxectoria de Florentino que, tras máis de 50 anos de experiencia no sector téxtil, dá emprego a máis de 200 persoas e factura máis de 10 millóns de euros a través dun produto fabricado en Galicia, especialmente desde o centro loxístico de 35.000 metros cadrados que hoxe visitou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no polígono Lalín 2000.

O conselleiro tamén puxo de manifesto que o téxtil é un sector comprometido con Galicia e coa mellora dos procesos produtivos, representando o 11% do PIB galego e cunha facturación de máis de 6.000 millóns de euros entre 500 empresas que dan emprego a máis de 13.000 persoas. Neste sentido, sinalou que se trata dunha industria en constante crecemento e que aposta polo deseño, a innovación e os controis de calidade, ofrecendo así unha imaxe de excelencia e modernidade de Galicia.

Nesta aposta pola internacionalización e a mellora da competitividade do tecido industrial galego, o conselleiro animou ao téxtil a continuar na senda da innovación, pois xogará un papel fundamental no futuro dun sector que logrou que, no primeiro semestre deste ano, as súas exportacións medrasen máis do dobre que a nivel estatal, alcanzando o histórico récord de 9.700 millóns de euros en Galicia.

1 de setembro de 2016 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.