publicidade hoxe

As obras de canalización de auga en Pedrouzo darán comezo a vindeira semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O Concello de Silleda, a través do departamento de Obras e Servizos que dirixe Klaus Brey, iniciará a vindeira semana as obras de canalización de aguas pluviais e drenaxe no lugar de Pedrouzo, na parroquia de Graba.

O concelleiro visitou o lugar acompañado do técnico municipal para ultimar os detalles da obra, moi agardada polos veciños á vista da problemática que se xeraba co encharcamento da zona, sobre todo durante o inverno.

Esta actuación acometese unha vez recibida a preceptiva autorización por parte do organismo Augas de Galicia para as obras de canalización de augas pluviais na zona de servidume e policía do regato de Pedrouzo, afluente do río Toxa, que discorre polo entorno do lugar.

A obra  evitará a formación de grandes bolsas de auga, que están a causar unha grave prexuízo no vial de acceso ó lugar, causando danos na infraestrutura viaria e afectando tamén a algunha vivenda.

Os traballos consistirán na canalización das augas pluviais mediante a formación dunha cuneta entubada nunha lonxitude de 151 metros, ata unha arqueta de infiltración de aros de formigón, situada a unha distancia mínima de 10 metros dende o leito do rego, nun trazado en planta con forma de L, no que se disporán de 3 arquetas de rexistro intermedias.

“Esta era unha obra moi necesaria e que sen dúbida mellorará o tránsito na zona e a calidade de vida dos residentes no lugar”, explica Klaus Brey.

Os traballos iniciaranse cara a finais da semana próxima.

1 de setembro de 2016 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.