publicidade hoxe

A última campaña de doazón de sangue en Vilagarcía saldouse con 135 unidades e 12 novos doantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A campaña especial de recollida de sangue que o Centro de Transfusións de Galicia desenvolveuse en Vilagarcía os días 4, 5 e 6 de agosto tivo resultados moi positivos, segundo ven de comunicar ao Concello a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos dependente do Sergas. De feito, nesa fin de semana, obtivéronse 135 unidades de sangue e fixéronse 12 novas altas de doantes. A resposta ao chamamento realizado por CTG e Concello para atender a demanda de sangue en verán, foi aínda maior, posto que o número total de persoas que acudiron á unidade móbil co ánimo de doar ascendeu a 165, aínda que 30 non puideron facelo por non reunir algún dos requisitos que esixe o protocolo (peso, nivel de ferro, corentena por viaxes a países exóticos, acupuntura…).

A Axencia Galega de San gue, órganos e tecidos, remitiu unha carta ao Concello agradecendo a contribución e o compromiso solidario de Ravella con doazón de sangue e pedindo que se traslade a toda a poboación do municipio o agradecemento pola súa solidariedade.

Na misiva, o organismo destaca que os resultados da campaña extraordinaria de verán son “excelentes” e “demostran o compromiso solidario que nos axuda a garantir o desenvolvemento do labor asistencial nos nosos centros hospitalarios e contribúen á creación dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue”.

Segundo indican, estes bos datos continúan na liña de anos pasados, A participación dos veciños e veciñas de Vilagarcía de Arousa en 2015 acadou 1.552 doazóns de sangue, o que supón 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, unha taxa de doazón dentro do que recomenda a Organización Mundial da Saúde para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos que precisan os hospitais.
Unha unidade móbil acude unha vez ao mes a Vilagarcía para facilitar a participación do todos os cidadáns.

Dende a primeira visita da unidade móbil en novembro de 1993 ata hoxe, houbo un total de 30.199 doazóns de sangue, realizadas polas 5.486 persoas censadas como doadores de sangue no Concello. Con estas doazóns, e a modo de exemplo, poderíanse levar a cabo máis de 15.000 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a máis de 5.000 enfermos de cancro ou leucemia.

Dende a axencia lembran que o sinxelo xesto de doar sangue permite contribuír á cobertura dunha media diaria de 550 intervencións cirúrxicas, 3.000 urxencias e 3 transplantes de órganos ou tecidos nos hospitais de Galicia.

18 de agosto de 2016 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.