publicidade hoxe

Medio Rural achega 250.000 euros en axudas ao sector do coello para mellorar a súa liquidez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRodeiro
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á cooperativa Cogal

Ángeles Vázquez na visita á cooperativa Cogal

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará proximamente unha orde da Consellería do Medio Rural de axudas de mínimis para o sector do coello, dotada con 250.000 euros. Estas achegas servirán para paliar, a curto prazo, os problemas de liquidez deste eido. Así o anunciou a conselleira Ángeles Vázquez na súa visita ás instalacións de Cogal S. Cooperativa Galega, dedicada á produción de coellos e situada no concello pontevedrés de Rodeiro.

Neste percorrido a titular de Medio Rural estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e polo alcalde da localidade, Luis López Dieguez.

Ángeles Vázquez lembrou que Medio Rural comprometeuse tamén co sector cunícola a levar a cabo unha promoción do consumo de carne de coello, dentro dunha campaña de publicidade xenérica da carne galega que se está a ultimar.

Por outra banda, a conselleira destacou que, a proposta da Xunta, a Agencia Tributaria está a aplicar unha significativa redución nos módulos do IRPF para as explotacións gandeiras, entre elas as de coellos, cunha rebaixa do 0,13 ao 0,07 dos devanditos módulos.

Ademais, a petición do sector, estase a tramitar o incremento da porcentaxe de axuda que aporta o Goberno galego para a retirada de cadáveres. E tamén a solicitude dos produtores, a Xunta está a mediar con Madrid para que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente axilice a modificación do Real Decreto que permite a matanza domiciliaria e a creación dunha Organización de Produtores.

Ángeles Vázquez sinalou que sector cunícola galego recibiu desde o ano 2007 preto de 3,3 millóns de euros para un total de 126 proxectos de mellora ou incorporación de mozos ás explotacións.

Galicia, segunda produtora

Galicia é a segunda produtora de España neste eido. Na nosa comunidade existen un total de 276 explotacións cunícolas, con 756.350 cabezas e un valor estimado da súa produción en 28,5 millóns de euros anuais.

Cogal S. Cooperativa Galega recibiu desde o ano 2004 un total de 2,6 millóns de euros en axudas de Medio Rural por diferentes conceptos, tales como a promoción e mellora da comercialización, a transformación da súa produción ou a implantación de servizos de xestión e asesoramento.

27 de maio de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.