publicidade hoxe

Rey Varela visita a Asociación Comarcal de Educación Especial ‘Santísimo Cristo del Amor’ ACEESCA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Rey Varela na visita ás instalacións da asociación

Rey Varela na visita ás instalacións da asociación

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro; do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e da alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, visitou na mañá de hoxe a Asociación Comarcal de Educación Especial ‘Santísimo Cristo del Amor’ ACEESCA. Alí, o conselleiro destacou a importancia na sociedade das persoas con discapacidade intelectual, persoas que “coas súas diferenzas e a súa diversidade contribúen a que Galicia sexa máis plural e máis singular”. O titular da área social ratificou o compromiso da Xunta co colectivo de persoas con discapacidade e gabou o traballo de asociacións como ACEESCA para acadar o “cumprimento dos dereitos destas persoas, favorecendo a súa autonomía e autodeterminación”.

O responsable de Política Social uniu os obxectivos deste departamento e de ACEESCA no que respecta a favorecer a “autonomía persoal, autodeterminación e participación inclusiva no entorno das persoas con discapacidade intelectual”. Nesta liña destacou a importancia da actuación en eidos como o social ou o laboral e animou a entidades e institucións a realizar un movemento asociativo sólido que permita xuntar os recursos de todas as partes na procura da mellora da calidade de vida deste colectivo. Para desenvolver os seus proxectos, ACEESCA conta cun centro de día para persoas con discapacidade intelectual que necesitan apoios extensos ou xeneralizados, un centro ocupacional para a habilitación profesional e social de persoas adultas con discapacidade intelectual, un centro educativo de 3 a 21 anos, así como un centro especial de emprego para dar saída profesional ás persoas con discapacidade intelectual.

Así, Rey Varela indicou que a Consellería de Política Social incrementou nun 8,3% o seu apoio á ACEESCA ata chegar aos 604.142 euros neste 2016 que responden ao concerto de prazas nos centros de día (28 prazas concertadas) e ocupacional (37 prazas concertadas) que ten a asociación no Porriño. Este aumento orzamentario corresponde a un incremento do número de prazas concertadas ao pasar das 61 en 2015 ás 65 actuais.

Máis recursos para discapacidade

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, realiza un gran esforzo na súa liña de atención ás persoas con discapacidade. Proba diste compromiso destaca que a Comunidade Autónoma de Galicia sexa pioneira en ter unha carteira específica de servizos sociais dedicada a esta materia polo que ten unha maior especialización e programas concretos para todos os colectivos diferentes como alzhéimer, parálise ou dano cerebral, trastorno do espectro autista, enfermidade mental ou intelectual.

Ademais, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou o seu peso nos Orzamentos da Xunta para 2016 ata chegar aos 281,3 millóns de euros. Para o presente exercicio 2016, no que atinxe a atención ás persoas con discapacidade, a Consellería de Política Social pon en marcha novas iniciativas con financiamento europeo. Estas son: unha liña de axudas para a eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación dun banco de produtos de apoio e axudas individuais destinado a adquisición de servizos da autonomía persoal, a modernización de centros públicos con novos equipamentos tecnolóxicos que sirvan de apoio para a atención dos usuarios e melloren as condicións de traballo dos profesionais (cun investimento de 2,9 millóns de euros); e novos programas de formación e asesoramento para coidadores/as de persoas con discapacidade. Ademais, neste ano reforzarase nun 20% o apoio económico ás federacións integrantes no CERMI acadando esta partida os 3,6 millóns de euros.

1 de abril de 2016 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.