publicidade hoxe

A Xunta entrega ao Concello de Viveiro o edificio do centro de desenvolvemento comarcal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViveiro
A-
A+
Raquel Arias na sinatura da entrega en prol do Concello de Viveiro

Raquel Arias na sinatura da entrega en prol do Concello de Viveiro

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, formalizaron hoxe a entrega á Administración local do inmoble que no seu día albergou o centro de desenvolvemento comarcal da Mariña occidental.

No acto oficial, que se levou a cabo no propio edificio, situado na avenida Ramón Canosa, Raquel Arias explicou que coa devolución destas dependencias dáse resposta á petición formulada neste sentido polo Concello, dado que non se estaban a cumprir a finalidade da cesión orixinal do terreo.

A delegada territorial indicou que esta devolución redundará en beneficio dos veciños de Viveiro, xa que o concello poderá dedicar o inmoble a novos usos aproveitando a súa privilexiada situación.

A finais do pasado ano unificáronse os servizos dos que dispoñen as consellerías de Medio Rural e Mar neste municipio mariñán, o que supuxo o traslado, entre outros, da oficina agraria comarcal, da oficina veterinaria comarcal e da oficina do distrito forestal, ata entón situados neste edificio comarcal, a outro situado na Avenida Gerardo Harguindey Banet.

Con esta unificación, segundo lembrou a delegada, a Xunta conseguiu unha maior eficiencia na prestación dos servizos aos cidadáns, un aforro considerable en alugueres, ademais de ganar en operatividade ao dispoñer de todos os recursos no mesmo centro. De feito, ademais da sede da Consellería de Mar e dos servizos de Medio Rural xa mencionados, ás novas dependencias tamén se trasladaron o punto de encontro do distrito forestal, que estaba no edificio dos Xulgados, e o garaxe do distrito forestal, situado ata daquela nun baixo da rúa Alonso Pérez.

5 de abril de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.