publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A TIC colabora co Concello da Fonsagrada na difusión da Ruta Cicloturista dos Lobos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaDeportesDeportes PortadaLugo
A-
A+
Presentación da Ruta Cicloturista dos Lobos

Presentación da Ruta Cicloturista dos Lobos

A Fundación TIC colabora co Concello da Fonsagrada, por terceiro ano consecutivo, na difusión da Ruta Cicloturista dos Lobos que reunirá este sábado a 350 afeccionados da mountain bike (MTB), procedentes de toda Galicia, Asturias, León, País Vasco e Madrid. O patrón da TIC, Álvaro Santos, acompañado do Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, e o técnico de deportes Enrique Fernández, presentaron a cita deportiva no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Santos Ramos, anunciou que “un equipo formado por profesionais e bolseiros da Fundación elaborarán un DVD e reportaxes para a súa difusión nas redes sociais, blogs e foros de afeccionados á bicicleta de montaña, coa finalidade de promover o deporte e dar a coñecer o patrimonio paisaxístico e patrimonial da Montaña luguesa”. O patrón da TIC, engadiu que “esta nova colaboración é un exemplo do traballo de promoción que leva a cabo a TIC coas actividades que organizan os Concellos, así como de toda a provincia”. Durante a presentación do evento proxectouse tamén o vídeo que realizou a TIC sobre a ruta do ano pasado.

Récord de participantes

A Ruta Cicloturista dos Lobos celebrará este ano a súa terceira edición con récord de participantes. A organización superou todas as expectativas con 350 inscritos, medio cento máis que na edición anterior. O Alcalde da Fonsagrada dixo que “esta alta demanda demostra o gran tirón de convocatoria que ten esta proba para a nosa economía local”, xa que engadiu Argelio Fernández, “ moitos dos que participan nesta ruta aproveitan para pasar a fin de semana cos seus familiares na nosa localidade, contribuíndo así ao turismo e á economía da Fonsagrada e dos municipios limítrofes”. De feito, durante o desenvolvemento da proba os acompañantes poderán realizar visitas guiadas en bus, organizadas polo Concello, ás seimeiras de Queixoiro, á seimeira de Vilagocende, así como unha visita ao Museo comarcal.

Tres itinerarios para todos os niveis

A ruta sairá ás 11:00 horas da Praza do Concello con tres itinerarios, deseñados en función do nivel de esixencia de cada participante. Un primeiro traxecto máis corto, dun nivel medio, con 37,7 quilómetros de percorrido e un desnivel positivo de 1301 metros; un segundo de nivel medio alto, con 48,2 km e un desnivel positivo de 1.674 metros; e un terceiro, de nivel alto, cun percorrido de 57,4 km e un desnivel positivo de 2.587 metros.

Ao remate, haberá duchas no Pavillón Municipal e a posibilidade de que se laven as bicicletas no Campo da Feira. A continuación, as 20:00 horas, haberá unha cea para os participantes e familiares que o desexen, e que terá de menú xabaril e tenreira da Fonsagrada.

7 de abril de 2016 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.