publicidade hoxe

O Festival de Cans bate a súa marca de curtametraxes inscritas a concurso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Porriño
A-
A+
Europa Press

O Festival de Cans bateu este ano a súa marca de curtametraxes inscritas, tras recibir na convocatoria para as seccións oficiais a concurso un total de 215 producións, un 15 por cento máis que na edición anterior. Os responsables do festival destacaron que é a primeira vez nos trece anos de vida do evento que se superan as 200 obras inscritas e puxeron de relevancia a “boa noticia” que isto supón para a creación en Galicia, dado que as bases esixen que o director das producións sexa galego.

Por categorías, recibíronse un total de 115 curtametraxes de ficción e non ficción, 14 de animación e 86 videoclips. Con iso, supéranse por primeira vez tamén as 100 curtametraxes de ficción e non ficción inscritos.

Dende a organización tamén destacaron o “restablecemento da inscrición” dun “número considerable” de curtos de animación, o que permitirá recuperar a sección propia que non puido incluír a edición de 2015 por non ter as “suficientes producións” na categoría.

Con respecto ao apartado de ficción, o festival rexistra un “grande volume de traballos de creadores galegos que viven e desenvolven a súa actividade profesional” fóra de Galicia, con inscricións dende Gran Bretaña, Francia, Portugal, Madrid ou Barcelona.

Tras a recepción do material, iniciarase agora un “proceso exhaustivo de visionado, debate e selección” por parte do equipo do festival, ata elixir as obras que irán a concurso, que se darán a coñecer a principios de maio.

INCREMENTO NAS DOTACIÓNS

Para esta edición, a organización aumentou a contía en metálico dos premios ata os 6.400 euros. En particular, destacaron o incremento da dotación do Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe, que pasará a ser de 2.000 euros fronte aos 1.500 da edición anterior.

“Este esforzo pretende manifestar o compromiso irrenunciable do festival cos novos cineastas e que o premio supoña unha motivación para poder continuar as súas traxectorias no futuro”, explicaron dende a organización.

A 70 días da nova edición, o festival continúa “a contra o reloxo” o proceso para intentar “completar o seu presuposto para facer viable esta edición”, aseguran os organizadores. Por iso, fixeron un chamamento a empresas privadas e entidades públicas para buscar maneiras de colaboración, principalmente a través da campaña ‘Apadrina un jalpón’.

10 de marzo de 2016 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.