publicidade hoxe

A Xunta financia o 50% da construción dunha depuradora para facer posible a actividade empresarial no Porto Seco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Monforte financiando o 50% do custe de construción dunha depuradora para facer posible a actividade empresarial no Porto Seco desta localidade. O Instituto Galego da Vivenda e Solo remitiulle hoxe unha proposta de convenio ao Concello na que se plasma o compromiso autonómico de redactar o proxecto deste sistema de saneamento independente e de achegar a metade do investimento necesario para a súa instalación.

Con esta solución formulada polo Goberno galego garántese que as empresas poidan operar no Porto Seco de Monforte a pesar de que o mal estado da rede municipal de saneamento impide conectar á mesma a plataforma loxística, tal e como estaba previsto no Proxecto sectorial. En concreto, con esta vía será posible o desenvolvemento do proxecto empresarial impulsado pola firma Abiga, que ten adxudicados 40.000 metros cadrados de solo no Porto Seco.

O documento remitido ao Concello de Monforte supón concretar o acordo acadado entre a Xunta e a Administración local na visita da conselleira de Infraestruturas e Vivenda a este Concello o pasado mes de febreiro, na que se lle presentou ao alcalde o anteproxecto da instalación.

No convenio, o Goberno galego propón que o Instituto Galego da Vivenda e Solo redacte cos seus propios medios o proxecto da depuradora e o bombeo ata o río Cabe, financiando ademais o 50 por cento do custe de execución das obras, o que suporá unha achega por parte da Xunta de preto de 145.000 euros.

Pola súa parte, o Concello encargaríase de someter a información pública o proxecto, executaría as obras de financiaría o outro 50% do custo.

Ademais, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento de actividade económica no Porto Seco, o Instituto Galego da Vivenda e Solo decidiu prolongar o prazo concedido á empresa Abiga para formalizar a adquisición do solo. Deste xeito, adecúase o prazo ao período que precisa o Concello para a construción da depuradora concesión da licenza de implantación.

A empresa Abiga prevé instalar unha planta de aproveitamento de recursos forestais, cun investimento de 20 millóns de euros e a creación de de 35 postos de traballo directos e preto de 105 indirectos.

10 de marzo de 2016 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.