publicidade hoxe

O rural galego beneficiouse dun investimento de 226 millóns de euros no marco do Plan Leader 2007-2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Plan Leader 2007-2013 fixo posible un investimento no rural galego de máis de 226 millóns de euros. Así o destacou esta mañá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no marco dunha visita ás instalacións da adega A Man de Prado, no concello lugués de Sober.

A conselleira, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, sinalou que grazas a esta inversión foi posible consolidar preto de 5.000 empregos e crear preto doutros 1.000 máis no seu período de vixencia, que se prolongou ata o ano 2015.

Precisamente a empresa que hoxe visitaron foi beneficiaria de dúas axudas xestionadas polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra. Por un lado, para a creación da adega e o seu acondicionamento, por máis de 194.000 euros e, por outra banda, para a creación dun viveiro con vides autóctonas para contribuír á recuperación de variedades tradicionais (Brencellao, Merenzao, Caíño, Souson e Garnacha) na D.O. Ribeira Sacra, cunha axuda de preto de 45.000 euros.

Neste contexto, Ángeles Vázquez explicou que o Plan Leader 2007-2013 supuxo unha axuda pública para un total de 2.183 proxectos relacionados co desenvolvemento rural. O importe das subvencións totais concedidas foi de 91,7 millóns de euros, que supuxeron o referido investimento inducido de 226 millóns.

Novo Plan Leader

A titular de Medio Rural adiantou que este vindeiro xoves aprobaranse as bases para o novo Leader 2014-2020, co obxectivo de seguir mellorando as dotacións e a calidade de vida dos cidadáns do rural galego a través da creación de emprego e riqueza.

Ángeles Vázquez insistiu en que o seu departamento aposta polo desenvolvemento do rural de Galicia e mostra disto son as achegas –públicas e privadas- que fan do agro un lugar para vivir con calidade.

9 de febreiro de 2016 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.