publicidade hoxe

A Xunta destaca as unidades mixtas de investigación como ferramenta para gañar competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Porriño
A-
A+
Manuel Varela na xornada JOINTS 4

Manuel Varela na xornada JOINTS 4

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, destacou esta mañá nunha xornada sobre o proxecto JOINTS 4.0, no que colaboran GKN Driveline Vigo e o centro tecnolóxico Aimen, que as unidades mixtas de investigación son unha ferramenta clave para que o tecido empresarial galego gañe competitividade transferindo coñecemento ao mercado, ao tempo que se atrae investimento privado á innovación galega conseguindo que grandes empresas confíen en centros de innovación da comunidade para desenvolver os seus proxectos de I+D+I.

Tal e como se informou no encontro celebrado hoxe no Porriño, a unidade mixta promovida por Aimen e GKN Driveline céntrase na fabricación sostible de alto rendemento de novos compoñentes de transmisión, desenvolvendo novas tecnoloxías orientadas á automoción pero con aplicabilidade a medio-longo prazo noutros sectores, e en xeral a outros procesos industriais nos que o control e monitorización son necesarios.

Neste sentido, Manuel Varela salientou na súa intervención que este proxecto, apoiado pola Xunta a través do programa de unidades mixtas para a creación de centros de innovación conxuntos por parte de empresas e organismos de investigación, permitirá avanzar cara a implantación da Industria 4.0 en Galicia, un dos obxectivos que se perseguen a través da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) e a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 no que tamén están a traballar outras unidades mixtas dos sectores da automoción, o naval e o conserveiro.

O proxecto JOINTS 4.0, que suma un investimento conxunto de 2,7 millóns de euros, permitirá a GKN Driveline dotarse da tecnoloxía necesaria para optimizar os procesos e a calidade dos seus produtos cunha produtividade sostible, a través dunha fábrica reconfigurable e adaptativa que permita afianzar a súa posición. Desenvolverase tecnoloxía e procesos innovadores para conseguir que GKN Driveline empregue na súa planta viguesa novos materiais avanzados, con propiedades de alto valor engadido, e incorpore metodoloxías de fabricación máis avanzada, sostible e intelixente, mediante a aplicación das TIC. Para iso contan cun equipo que está actualmente composto por un total de 24 investigadores de AIMEN e de GKN.

15 de decembro de 2015 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.