publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Ría da Estrela será a marca de dinamización turística do Xeodestino Muros-Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMurosNoia
A-
A+

A Ría da Estrela”, co subtítulo “Ría de Muros-Noia”, será a  marca de dinamización turística do Xeodestino Muros-Noia. Un proxecto presentado esta tarde na Casa da Cultura de Lousame nun acto organizado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Ría Muros-Noia ao que asistiron os alcaldes de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son, así como representantes da asociación de empresarios, GAC, Noia Histórica… e distintas entidades e empresarios da comarca.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destacou o “potencial enorme da comarca pero non nos identifican como comarca. Por iso elaboramos unha marca e un proxecto de dinamización turística para que nos fagan visibles en toda Galicia”. Villaverde insistiu en que “este é o primeiro paso, agora toca traballar todos xuntos: alcaldes, empresarios, asociacións… Temos que deixar a un lado o minifundismo mental e ir todos xuntos”. 

Un punto no que coincidiu o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, quen asegurou que “estamos entre dúas marcas como a Costa da Morte e Arousa Norte e temos que diferenciarnos delas para poder potenciar todo o que nós temos”. Neste sentido, o alcalde de Noia, Miguel Paz, destacou que “o importante é empezar” e lembrou que “solos non hai ningún concello que poida satisfacer as necesidades dun turista. Temos que remar os cinco concellos xuntos”. 

Pola súa banda, o alcalde de Outes, Carlos López Crespo, apuntou que o nacemento da marca Ría da Estrela coincide con que “estamos empezando a lexislatura e temos catro anos para comprometernos a colaborar neste xeodestino Muros-Noia”. Finalmente, a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, retomou unha das preocupacións dos presentes: a potenciación do Camiño e a súa vinculación aos proxectos do Grupo de Acción Costeira, que teñen que presentarse dentro de tres semanas. “Penso que podemos relacionar o xeodestino turístico co aproveitamento do mar, da ría, do Camiño e encaixalo así nos proxectos do GAC”, asegurou. 

Proxecto turístico 

A marca “Ría da Estrela” é só a carta de presentación dun ambicioso proxecto de promoción turística da ría de Muros-Noia. José Antonio Marcote, autor do proxecto, destacou que “queremos vender la ría de Muros-Noia como un producto turístico. Un producto de márketing territorial, queremos vender un territorio. Por eso no jugamos con concellos sino con experiencias para el turista”.

O proxecto inclúe a creación dunha páxina web (www.ariadaestrela.com) con saída a tres redes sociais (Facebook, Twitter e Linkedin) para axudar ao posicionamento do xeodestino. “El mar a veinte minutos de Compostela” ou “El mar de Santiago” son algúns dos seus elementos promocionais, elaborados en galego, castelán e inglés. O alcalde noiés tamén solicitou que se incluíse o francés.

A web recolle un “top 10” dos produtos e recursos máis destacados da comarca, dous por municipio: minas de San Finx, San Lourenzo e O Confurco, Muros municipio de interese turístico, Monte Louro, conxunto histórico artístico de Noia, museo de Lápidas Gremiales, Castro de Baroña, Praias naturais, Sancosmeiros e Pontenafonso. Un top 10 que será definido por todos os municipios. 

A web inclúe un apartado de actualidade e divide os seus contidos en “sensacións”: creer (relixión, mitos e lendas), saber (turismo industrial), oir (tradicións, festas populares…), ver (recursos paisaxísticos, praias, miradores…) e comer/beber/durmir (mellors produtos, hoteis, casas de turismo rural, restaurantes…).

Paralelamente, ditaranse folletos turísticos e expositores de cartón para distribuír pola zona. Ademais, fíxose un stand sobre o xeodestino para poder levalo aos distintos eventos e feiras promocionais nos que participe a ARD Muros Noia, así como para poder acudir nas fins de semana aos distintos centros comerciais das grandes cidades galegas.

9 de novembro de 2015 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.