publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os alcaldes convocan a asemblea constituínte da mancomunidade das Mariñas para o 5 de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoArteixoBergondoBetanzosCambreCarralCulleredoOleirosSada
A-
A+

Xa hai data para a asemblea constituínte da futura mancomunidade das Mariñas. Os alcaldes, reunidos hoxe en xunta xestora, convocaron oficialmente a asemblea para o luns 5 de outubro ás 20.00 horas no edificio municipal da Senra, en Bergondo.

Nesa asemblea someteranse a votación os estatutos da mancomunidade, validados no día de hoxe a xunta xestora e polos secretarios, reunidos hoxe con anterioridade. Os sete alcaldes que acudiron (todos excepto Arteixo e Betanzos) aprobáronos por unanimidade.

Á asemblea serán convocados os 156 edís que conforman as corporacións dos nove municipios que constituirán a mancomunidade: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. 

Unha vez que a asemblea aprobe os estatutos, serán sometidos ao informe preceptivo da Deputación e da Xunta e sairán a exposición pública, para posteriormente ter que ser aprobados por cada un dos plenos dos municipios que se integrarán na mancomunidade. 

A mancomunidade substituirá ao Consorcio As Mariñas actual dados os requisitos impostos desde a nova lexislación estatal. A idea dos alcaldes foi en todo momento preservar as competencias e funcionamento do Consorcio, que foi desde o seu nacemento un exemplo de traballo conxunto entre concellos.

22 de setembro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.