publicidade hoxe

O Concurso Provincial de Tapas de Lugo entra na recta final

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLugo
A-
A+

Casa d’Auga, Paprica, Curruncho A Nosa Terra e Arrocería Os Cachivaches, do concello lucense, e Restaurante Río Lea, de Castro de Rei, competirán esta fin de semana na final do I Concurso Provincial de Tapas de Lugo organizado pola Apehl. Trátase dos cinco establecementos hostaleiros cuxas propostas culinarias resultaron as máis votadas polo público na primeira fase do certame. Dende mañá e ata o domingo volverán ofrecelas e, ademais, someteranas á avaliación dun xurado profesional encargado de escoller a tapa gañadora, así como as mellores maridaxes con viño da Ribeira Sacra e con cervexa Estrella Galicia.

Xunto ao director técnico do concurso, Quique Rodríguez, editor xefe e asesor gastronómico do portal Gastronomicum.net, estarán Bárbara Buenache, chef executiva da cadea Sushimore e presidenta da Federación de Cociñeiros e Reposteiros da Comunidade de Madrid; Cristina Martínez “Garbancita”, divulgadora gastronómica en medios especializados e na súa web www.garbancita.es; eRocío Garrido Caramés, autora do libro Cociñando coas razas autóctonas e do blog La cocina de mi abuelo.

Os membros do xurado catarán o crocante de tartar de carne recheo de pesto de noces e queixo do Cebreiro presentado pola Casa d’Auga, o roliño de polo con salsa de azafrán e crocante de xamón do Restaurante Río Lea, a salchicha de bonito de Burela con interpretación dun marmitako elaborada no Paprica, a Lambiscada do Curruncho A Nosa Terra e mais o tataki de atún cociñado na Arrocería Os Cachivaches.

O horario mínimo de degustación é de 13.00 a 15.30 horas e de 20.00 a 22.30 horas e o prezo das tapas sitúase entre 1,50 e 3 euros.

6 de agosto de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.