publicidade hoxe

O Concello de Cangas ofrece un agosto cheo de actividades medioambientais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O Concello de Cangas, a través da concellería de Turismo, Medio Ambiente e Praias, inicia unha campaña de actividades medioambientais que dará comezo mañá sábado 8 de agosto e abranguerá ata finais de mes.

Este sábado comeza a quinta edición de “Mergúllate no océano” unha proposta divulgativa para todas as idades do Campus de Excelencia Internacional – Campus do Mar. O evento, que terá lugar en Rodeira, contará o sábado e domingo con obradoiros abertos ininterrumpidamente entre as 11:00 e as 20:30 horas con entrada libre. As actividades están dirixidas á divulgación do coñecemento científico relacionado co mar e os asistentes poderán realizar coas súas propias mans sinxelos experimentos para descubrir como funcionan os océanos a través de monitores expertos en divulgación.

“Mergúllate no Océano” forma parte do programa de divulgación científica do Campus do Mar, un proxecto promovido polas tres universidades de Galicia, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas e o Instituto Español de Oceanografía e no que participan 25 universidades, centros e plataformas tecnolóxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal con intereses na docencia e investigación mariña. Ademais conta co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Próximas actividades programadas

A vindeira semana continuará o mes de actividades que terán lugar en diferentes praias. Na praia de Rodeira están previstas: rutas gratuítas en kaiak, actividades deportivas como pilates, ioga e taichi ou actividades educativas medioambientais para nenos. Nas praias de Vilariño e Liméns, están preparadas tamén rutas de kaiak gratuítas para, en palabras da concelleira Tania Castro, “observar a beleza do noso litoral e a riqueza medioambiental coa que conta Cangas”.

Tamén está prevista a limpeza do casco antigo así como do río a través de grupos de voluntarios. Os horarios e demais actividades serán publicadas o vindeiro luns.

7 de agosto de 2015 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.