publicidade hoxe

Máis de 75.000 persoas visitaron a Praia das Catedrais de forma ordenada no mes de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, informou hoxe que durante o primeiro mes de entrada en vigor da regulación do acceso que establece o Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais, máis de 75.000 persoas accederon ao areal, un 75% delas con reserva previa.

O límite máximo de 4.812 visitantes foi suficiente para atender a tódolos visitantes que se achegaron ao espazo, sendo o día de maior afluencia o 19 de xullo, domingo, con máis de 3.500 persoas. Ese límite máximo si foi acadado no día de onte, domingo 2 de agosto, aínda que sucedeu ao final da marea polo que ningún visitante quedou sen acceder á praia.

Vázquez tamén salientou a importancia do fomento do transporte colectivo xa que, ademais de mellorar o tráfico na zona, libra de calquera trámite ao usuario, basta con coller un autobús desde Ribadeo, nun dos tres servizos que presta a empresa concesionaria. Este traxecto é diario e adaptado ao horario das mareas dese día concreto e dá acceso directo ao areal amosando o billete ao persoal da Xunta.

Hai que ter en conta que o sistema de acceso previsto consiste simplemente na obtención dunha autorización gratuíta, que pode descargarse a través da aplicación web https://ascatedrais.xunta.es, e que ademais lle dá cumprida información do horario das mareas previsto para cada día (recoméndase visitar o monumento desde dúas horas antes da marea baixa e ata dúas horas despois), como o número de persoas que nese día teñen previsto facer a visita.

Ethel Vázquez tamén manifestou a súa satisfacción en relación ao número de visitas que acreditaron ter pernoctado nalgún establecemento de Ribadeo, máis de 2.500, medida que naceu co obxectivo de favorecer a economía local.

Con estas actuacións, a Xunta cumpre co seu compromiso de conservar o espazo protexido ordenando o acceso, dado o importante impacto que estaba a supoñer unha afluencia masiva de visitantes de forma desordenada e moi concentrada no tempo, poñendo en valor o espazo e favorecendo a desestacionalización cunha clara aposta pola economía local e comarcal, tal e como establece o recentemente aprobado Plan de Conservación.

En canto ás visitas guiadas, desde o día 18 de xullo, data na que se puxo en marcha, 1.070 persoas xa disfrutaron de visitas gratuítas, onde se dan a coñecer todos os valores naturais do espazo protexido.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente quixo lembrar a todas aquelas persoas que desexen visitar esta extraordinaria mostra natural que terán a súa disposición o díptico Alén das Catedrais, onde se poden consultar máis de 13 itinerarios turísticos que parten deste espazo protexido, para completar unha xornada de disfrute na comarca da Mariña.

Visita ás obras das beirarrúas en Cangas

Así o avanzou durante a visita, xunto co alcalde de Foz Jorge Javier Castiñeira, ás obras de continuación das beirarrúas da estrada LU-162, en Cangas que executa a Axencia Galega de Infraestruturas e que prevé rematar a finais do verán.

Con esta actuación, mellorarase a seguridade viaria da estrada Ferreira de Valadouro – Cangas de Foz (LU-162) ao seu paso por Cangas de Foz ao dotala de beirarrúas polas dúas marxes, nunha lonxitude de 475 metros máis. Segundo manifestou a conselleira, este tipo de actuacións poñen de manifesto a clara aposta do Goberno galego pola seguridade, facilitando a mobilidade peonil dos veciños de Foz, que contarán con case un quilómetro de beirarrúas continuas polas dúas marxes deste vial, para realizar os seus desprazamentos a pé en condicións de máxima seguridade. A Consellería xa mellorara medio quilómetro desta vía en 2013.

O proxecto contempla ademais a disposición dunha rede de recollida das pluviais nas dúas marxes da estrada, que se conectarán coa rede existente.

A actuación, que ten un investimento de preto de 238.000 euros, desenvolverase entre os puntos quilométricos 11+370 e 11+945. Neste punto as novas beirarrúas conectarán coas executadas hai dous anos ata o final da estrada (na intersección coa N-642), que sumaron máis de 500 m de lonxitude e na que se investiron algo máis de 212.000 euros.

3 de agosto de 2015 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.