publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As actuacións de conservación do monumento natural Souto da Retorta iniciaranse en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViveiro
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciará en setembro os traballos para evitar o deterioro da masa arbórea do Souto da Retorta, co obxectivo de conservar a riqueza medioambiental deste Monumento Natural situado na parroquia de Chavín, no Concello de Viveiro.

Para o mantemento das 3,18 hectáreas do entorno natural, a Xunta de Galicia destina un importe de 40.000 euros nunhas obras que contarán cun período de execución de tres meses desde setembro, mes no que é preciso comezar debido a que os traballos necesitan executarse coas mellores condicións meteorolóxicas posibles.

O Souto da Retorta, tamén coñecido como Eucaliptal de Chavín, acollerá diversas actuacións coma o saneamento da masa arbórea, a eliminación de plantas exóticas invasoras, a reparación do canal da auga e do sendeiro, a reforestación con frondosas caducifolias, a adecuación das infraestruturas e a mellora da sinalización. Ademais, todos estes traballos completaranse coa protección de O Avó, un eucalipto senlleiro que acada unha altura de 61,8 metros e un perímetro de 7,6 metros.

Un dos labores máis importantes a realizar é a poda das ramas na marxe do carreiro que percorre a zona (exclusivamente as pólas secas e mortas), unha poda que contará con todas as medidas preventivas sanitarias en canto á protección dos cortes e a desinfección das ferramentas. Para o saneamento da masa tamén se retirarán 79 pés de eucaliptos afectados, así como a recollida e o amoreado de residuos xerados pola madeira morta distribuída sobre o chan. Tarefas nas que se utilizará unha maquinaria que respecte o medio, que non sexa agresiva con el, asegurando en todo momento que se produzan os menores danos posibles tanto na vexetación como no solo.

En especial consideración terase ao exemplar O avó, arredor do cal se colocará unha valla de madeira de pino para asegurar a súa protección sen danar o sistema radical da árbore.

Co obxectivo de eliminar as plantas invasoras procederase ao apeo manual de todas as acacias existentes no eucaliptal (40), tanto a Acacia melanoxylon como a Acacia dealbata. Estas árbores sacaranse polas zonas máis accesibles do terreo sen introducir maquinaria ou vadear o río Landro, reducindo o impacto ao seu mínimo nivel. Logo da corta aplicarase un herbicida sobre cada cepa, non podendo afectar a outro tipo de vexetación, para asegurar que esta especie exótica non continúe reproducíndose no entorno.

Ademais, o enriquecemento do bosque acadarase grazas á plantación de diferentes especies de frondosas entres as que se poderán atopar castiñeiros, carballos, ameneiros, freixos ou pradairos. Debido á época na que se realizará, a plantación farase de xeito moi coidadoso para que non se produzan marras.

Por último, co fin de conseguir unha completa recuperación do Souto da Retorta e compatibilizar o seu uso público coa súa recuperación, efectuaranse unha serie de reparacións no canal da auga, na fonte, nos buratos e nas vallas do sendeiro. Arranxarase o muro derrubado nas dúas marxes do canal de derivación de auga, o sendeiro quedará totalmente uniforme grazas ao tapado con pedras e terras propias da zona nos terreos nos que sexa preciso e disporase de máis tramos de valla para substituír as que estean en peores condicións. A partir da realización de todos estes traballos, as persoas que visiten o eucaliptal disporán de sinais informativas e temáticas que lles aporten información sobre a paraxe natural, así como de sinais de perigo e prohibición que velarán polo mantemento e conservación da mesma.

As labores están xustificadas en base a un estudo fitosanitario realizado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza no que colaboraron a USC e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Dito estudo detectou a presenza dalgúns fungos que podrecen a madeira, fungos do chan e artrópodos defoliadores. Estes organismos son os que provocan que algúns eucaliptos e pólas se sequen e morran. Ante esta situación, Medio Ambiente recalca que os traballos son de gran importancia para coidar e manter a vexetación deste Monumento Natural.

Monumento Natural

O Eucaliptal de Chavín sitúase dentro do lugar de importancia comunitaria Río Landro, que foi declarado zona especial de conservación polo Decreto 37/2014. Ademais, segundo o Decreto 77/2000, o eucaliptal foi designado como Monumento Natural en abril do ano 2000.

Numerosos exemplares deste bosque superan os cen anos, árbores senlleiras que habitan o parque das cales O Avó é o exemplar máis característico. O lugar sobre o que se asentan pertence á rexión bioxeográfica erosiberiana, provincia atlántica-europea, subprovincia cántabro-atlántica e sector galaico-asturiano.

24 de xullo de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.