publicidade hoxe

O TSXG obriga ao Concello de Castro de Rei a devolver 500.000 euros dunhas obras que nunca executou

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLugo
A-
A+

A Xustiza vén de dar a razón á Deputación de Lugo ao desestimar integramente o recurso de apelación presentado polo Concello de Castro de Rei ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A sentenza, que é firme, obriga ao seu Alcalde, Francisco Balado, a devolver 500.000 euros, o importe total que a Deputación lle adiantara en 2011 para financiar unhas obras que nunca chegaron a executarse. A sentenza tamén condena ao Consitorio a facerse cargo das custas xudiciais, estimadas nuns 1.000 euros.

No ano 2011, a Deputación de Lugo asinou un convenio de colaboración co Concello de Castro de Rei, polo cal a institución provincial lle adiantaba cartos do seu Orzamento de 2011 para acometer diversas melloras nas traídas de augas das parroquias de Quintela, Bendia, Duarría, Loentia e Castro de Ribeiras de Lea. O prazo máximo de execución remataba en decembro dese mesmo ano.

Malia contar xa cos cartos nas arcas municipais e a piques de cumprirse este prazo máximo, o Alcalde de Castro de Rei solicitou unha prórroga, xa que aínda tiña sen executar unha gran parte destas obras. A Deputación concedeulle outros dos meses, durante os que os traballos non avanzaron, e que foi seguida dunha nova petición de prórroga. Neste caso, a resposta do organismo provincial foi negativa, xa que non contaba con marxe legal ao deixar de estar en vigor o convenio. De feito, o Concello non executou “un 72%, case as ¾ partes, do importe da subvención”, tal e como detalla literalmente a sentenza do TSXG.

A Deputación solicitou a devolución dos cartos adiantados, pero o Alcalde optou por presentar un recurso contencioso-administrativo contra a decisión do organismo provincial, que rematou cunha sentenza do Xulgado do Contencioso nº2 de Lugo que considerada “inadmisible” o recurso e condenaba ao Concello a devolver 360.000 euros, unha parte dos cartos adiantados. De feito, o xulgado considerou que “non resulta en ningún modo admisible que o feito de que a parte que obtén a subvención sexa unha administración pública sexa motivo de dispensa de cumprir as normas de tramitación esixibles a calquera cidadán”.

O Concello recurriu dita sentenza, neste caso presentando un recurso de apelación ante o Tribunal Superior, que agora vén de dar novamente a razón á Deputación e considera, ademais, que o importe a devolver debe ser o total dos cartos adiantados.

22 de xuño de 2015 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.