publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nava Castro presenta á Asociación de Hostaleiros de Lugo unha nova guía sobre a contorna da praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugoRibadeo
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, mantiveron esta mañá un encontro de traballo coa Asociación de Hostaleiros de Lugo sobre o funcionamento do sistema de regulación de acceso ao Monumento Natural das Catedrais.

As representantes da Xunta de Galicia explicáronlle de primeira man aos representantes da Asociación o procedemento que regulará o acceso deste espazo protexido durante os meses de xullo, agosto e setembro e na Semana Santa, cun límite de 4.812 persoas ao día.

Durante a reunión, as directoras destacaron que todos aqueles que pernocten en Ribadeo ou usen o transporte público para chegar á praia de As Catedrais terán o acceso asegurado.

Guía “Alén das Catedrais”

Así mesmo, as representantes da Xunta de Galicia presentaron ao sector a nova guía “Alén das Catedrais” na que se recollen ata trece rutas distintas para descubrir este recanto de Galicia.

Esta completa guía, de 40 páxinas, axuda aos turistas a coñecer sete municipios da Mariña Lucense a través de diversas rutas que teñen como punto de partida a praia de As Catedrais indicando o tempo e distancia dende este monumento natural ata o destino.

Trátase de itinerarios dende unha ata tres horas de duración clasificados por diversas temáticas.

Así, o primeiro capítulo “Mar e natureza infinita” propón cinco rutas diferentes: “A ría azul de Ribadeo”, “Das Catedrais a Rinlo”, “De Rinlo a illa Pancha”, “Barreiros é mar” e “Rinlo, berce do percebe”.

Un segundo capítulo dedicado a “Percorridos pola historia” invítanos a descubrir catro rutas: “Os pasos do mariscal Pardo de Cela”, “Historia e mar en San Cibrao”, “Lourenzá, a terra da faba”, e “A cultura castrexa na Mariña”

No terceiro capítulo “Pegada industrial” a guía detense na “Cerámica de Sargadelos” e na “Pesca do bonito en Burela”.

No carto capítulo “Ollada á arquitectura” a guía inclúes dúas rutas denominadas “O recordo indiano en Ribadeo” e “A riqueza de Mondoñedo”.

Ademais, a guía dedica unhas páxinas ás praias e miradoiros de A Mariña incluíndo fotografías, mapas e recorridos infográficos, servizos e información de interese para os visitantes.

Deste xeito, facilítase ao visitante o descubrimento de outros concellos de gran atractivo turístico como Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Alfoz, Lourenzá y Mondoñedo.

Un impulso ao turismo da comarca

A directora de Turismo de Galicia destacou que o obxectivo é impulsar o turismo en toda a comarca e aumentar a estadía media do turista que se achega a coñecer este famoso paraxe.

Así mesmo, Nava Castro sinalou que esta nova publicación axudará a continuar mellorando os espectaculares datos turísticos que acada cada ano esta comarca.

No pasado ano a Mariña Lucense acolleu a máis de 135 mil viaxeiros que realizaron máis de 256 mil pernoitas, o que supón un incremento de turistas do 8% en relación ao ano 2013 e unha suba das pernoitas do 7%.

No que vai deste ano 2014 as cifras van en aumento, xa que no primeiro cuadrimestre do ano chegaron xa a Mariña máis de 27 mil turistas, un 16% máis que no mesmo período do ano pasado.

25 de xuño de 2015 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.