Cepeda celebra as súas festas en honra a San Pedro
A Parroquia de Cepeda, no Concello de Pazos de Borbén, celebra este fin de semana as súas festas patronais en honra a San Pedro. Os festexos concéntranse nunha única xornada na que destacan as clásicas procesións nas que se engalana o santo co tradicional “milleiro”.Todas as celebracións contan cunha zona de aparcadoiro habilitada para facilitar o acceso á celebración a todos os veciños e visitantes.
Os actos comezarán o sábado ao mediodía, ao redor das 12:30 horas, cando se celebrará unha misa solemne en honra ao patrón parroquial. A continuación terá lugar a primeira das procesións na que os veciños, acompañados polo grupo de baile Nosa Terra de Pereiras, sacarán aos tres santos da igrexa, adornados coa planta do millo, a percorrer a parroquia. Ao finalizar a procesión os membros do grupo deleitarán aos asistentes cunha demostración de baile tradicional.
Pola noite terá lugar a gran verbena que contará coa animación musical dos grupos Limón e Ángel América. Entre os diferentes postos da celebración haberá un bar instalado pola comisión de festas no que, ao redor da medianoite, realizarase un sorteo de produtos populares.