publicidade hoxe

Jonny e Nolito representan ao Celta na Selección Española

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+

A convocatoria de Vicente del Bosque para os partidos que a Selección Española disputará ante Costa Rica e Bielorrusia ofrece dúas grandes noticias para o Real Club Celta. O club vigués conta con dous futbolistas seleccionados. Nolito regresa a unha lista oficial tras o seu debut ante Alemaña en Balaídos e o canteirán Jonny foi convocado por Del Bosque para os adestramentos que o combinado nacional realizará de cara a estes dous encontros e que terán lugar entre os días 1 e 5 de xuño, mentres que a concentración comezará o día 8.

Jonny dá desta maneira un gran paso adiante tras gozar dun gran protagonismo nos distintos equipos das categorías inferiores do combinado nacional, cos que brillou e conquistou títulos como o de campión de Europa Sub-19. A canteira celeste segue xerando alegría e enchendo de orgullo ao club e ao celtismo, que cada tempada gozan da participación dun bo número de xogadores das categorías inferiores célticas nos distintos equipos nacionais e esta vez coa presenza dun canteirán coa absoluta.

Pola súa banda, Nolito, quen realizou unha tempada espectacular co Celta, regresa ao combinado nacional, co que debutou en Balaidos nun partido ante a actual campioa do mundo, Alemaña.

O lateral celeste Jonny recoñeceu que a convocatoria de Vicente del Bosque sorprendeulle: “Non me esperaba esta chamada, estaba totalmente alleo, tranquilo, e comezaron a chegarme mensaxes de felicitación. A verdade é que é unha enorme alegría e estou moi contento con que conte comigo para eses adestramentos”.

Considera que se trata dun paso adiante: “A calquera nos gustaría ir adestrar coa absoluta. É unha enorme alegría e satisfacción para min e agora o que teño que facer é tentar facelo o mellor posible para demostrarlle ao seleccionador  que non se equivocou ao escollerme”.

“Isto axudarame a seguir medrando, aprendendo dos xogadores que van alí”, engadiu o lateral celeste, quen tamén expresou a súa satisfacción pola inclusión dun compañeiro de equipo, Nolito, na lista: “Alégrome moito polo regreso de Nolito porque o merecía.  Estou moi contento coa súa convocatoria e con poder compartir de novo vestiario con el, esta vez coa selección”.

Jonny séntese especialmente feliz por representar á canteira do Celta: “O nivel de crecemento da nosa canteira non cesa e aquí hai xogadores moi importantes, Oxalá que algún día sexamos moitos os canteiráns do Celta compartindo experiencias na selección”.

Pola súa banda Nolito indicou que “sempre tiven en mente volver coa selección aínda que sei que é difícil entrar nunha lista tiña fe e estaba un pouco pendente a verdade”.

Apuntou que “calquera xogador quere ir coa selección e é unha alegría inmensa, enorme. Estou moi contento de que me convocaron de novo”.

“Sempre dixen que aínda que sexa un premio individual, sen a axuda dos meus compañeiros non podería chegar á selección, somos unha piña e os meus compañeiros axudáronme en todos os aspectos”, subliñou.

O atacante céltico afirmou que a convocatoria de Jonny para os adestramentos “é unha gran alegría e alí tratareino xenial. É o meu compañeiro de banda, moi boa xente, e estou moi contento por el porque fixo un gran ano e ten condicións para estar aí”.

26 de maio de 2015 | 20:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.